O Garaysa Xiria perde os puntos pero mantén o segundo posto
Bo partido o que presenciamos en Pontevedra entre o Cisne e o Garaysa. Dous equipos que demostraron ter unha gran competencia sobre a pista. Saía o Cisne moi entoado nos…

Bo partido o que presenciamos en Pontevedra entre o Cisne e o Garaysa. Dous equipos que demostraron ter unha gran competencia sobre a pista.
Saía o Cisne moi entoado nos primeiros minutos, facendo gala dun excelente xogo combinativo ao que a defensa carballesa non reaccionaba e tampouco en ataque saía nada ben con accións moi individuais nas que o Cisne se atopaba cómodo. Chegábase ao minuto 10 con 8-2 en contra do Garaysa.
Despois dun tempo morto, os visitantes entoáronse e fixéronse co ritmo do partido. Os locais non atopaban espazos nunha defensa que se tornaba invulnerable; con ataques que acaban en pasivo con lanzamentos afastados e algunhas recuperacións de balón, reducían a diferenza a tres goles. 15-12. Unha exclusión, un tanto rigorosa, ao final do primeiro tempo deixaba aos do Garaysa cun xogador menos para a continuación.
Na segunda parte, os carballeses seguían igual e en canto recuperaron ao xogador excluído déronlle a volta ao partido. Unha remontada traballada dende a defensa, por parte de todos os compoñentes. Cando mellor estaba o Garaysa, unha dobre exclusión no minuto 7 permitiu ao Cisne porse por diante outra vez. Tocaba facer un esforzo máis, pero os visitantes aínda sufrirían dúas novas exclusións que lles impedirían meterse de novo no partido.
O positivo do encontro é que o Garaysa Xiria conseguiu salvar o golaverage e segue segundo agora empatado a puntos co Cisne. Os dous equipos aproveitáronse da derrota do Lalín para clasificarse a falta de dúas xornadas para a seguinte fase, onde se disputarán as prazas que dan dereito a xogar o sector estatal.
Na seguinte xornada o Garaysa Xiria enfróntase ao Cinco Jotas Lavadores, en Carballo.
Incidencias: Partido disputado no CGTD de Pontevedra ante 100 seareiros. Colexiado: César Carballo Fernández do colexio galego. Castigou con exclusión a Diego Antelo (25´), Iago Rincón (32´), Iker Martínez (32´,41´) e Franco Rial (45´), namentres ou Cisne non tivo ningún excluído / 7 metros: Cisne bm 2/3.
Marcador cada 5 minutos: 3-2, 8-2, 12-8, 14-10, 15-12, descanso, 17-17, 22-21, 25-23, 27-24, 29-26.
CISNE BM 29 ( 15 + 14 ): Mateo Arias (9), Anxo Fraga, Juan Cuenca (3), Sergio Álvarez, Carlos Álvarez (13), Javier Sierra, Jose Bueno, Diego López, Nuno González, Carlos Costa (2), Eduardo Costa, Miguel Silva, Román Arboleya (2), Fernando Alvarez.
GARAYSA XIRIA 26 ( 12 + 14 ): Julio Ferreiro [p], Diego Lema [p], Mario Rincón (1), Daniel Mallo (1), Alejandro Gómez (15), Mario Cancela (5), Juan Pereira (2), Diego Antelo, Iago Rincón (2), Adrián Mesejo, Iker Martínez, Franco Rial, Xurxo Díaz, Carlos Varela, Fernando Mallo.




