O Goldie Xiria Carballo Turismo “aperta” ao líder ata os instantes finais

Viaxaba o Goldie Xiria Carballo Turismo ata a Cañiza para enfrontarse ao líder invicto, un conxunto formado co obxectivo do ascenso e que esta tempada conta nas súas filas con xogadoras con experiencia en categoría superior. Precisamente, as carballesas afrontaban este encontro como unha oportunidade única de examinarse ante un equipo de tal entidade e enfrontar o seu saber facer ao talento das xogadoras do Saeplast Cañiza.
 
Sen ningún complexo polo medio, o Goldie Xiria Carballo Turismo comezou exultante o envite, endosando un 0-4 de parcial ao seu rival nuns primeiros minutos de ilusión. As locais non tardarían en responder e faríano con toda a artillería dispoñible a favor da causa. Así, no meridiano do primeiro tempo, conseguían adiantarse no marcador (8-7) e as bergantiñás entraban nuns minutos onde a espesura no seu xogo e os erros distanciaríaas no electrónico (15-9). Foron dez minutos onde o xogo colectivo tornábase anárquico e as decisións no pase excesivamente arriscadas, pero un tempo morto solicitado polo técnico de Xiria, volvería reconducir ás súas para irse ao descanso con opcións (17-12).
 
Nos primeiros minutos da continuación nada cambiaría, as diferenzas non se reducirían e os algarismos movíanse entre os cinco e seis goles de vantaxe favorables a un Saeplast Cañiza que controlaba o partido sen sobresaltos. O Goldie Xiria Carballo Turismo volvía xogar sen porteira, tal e como fixera nalgúns minutos do primeiro tempo, asumindo determinados riscos a portería baleira a cambio da posibilidade de darlle un xiro a un encontro que camiñaba inequivocamente a unha derrota segura.
 
O 7×6 facía dano ao conxunto local e as de Xiria atopaban situacións de finalización, sobre todo no xogo cos extremos e o pivote, onde Tamara se erixía como unha xogadora imparable. O partido entraba nos últimos dez minutos e as de Xiria reducían a diferenza a tres tantos, mágoa que ao acerto en ataque non lle secundase o labor da retagarda, onde a lesión da porteira Nadia e os erros no 1×1 sentenciaban a un Goldie Xiria que nunca se quixo mostrar inferior ao gran plantel do Saeplast.
 

Saeplast Cañiza: 36 (17+19) vs Goldie Xiria Carballo Turismo: 29 (12+17).

Polo Goldie Xiria Carballo Turismo xogaron: Nadia Vázquez (p), Sara Pose (p), Carla Santiago, Elba Pérez, Aida Vizcaino (4), Mina Ribullen (4), Tamara Pombo (8), Laura Barbeira (1), Minia Calvo (1), Jessica Posse (3), Natalia Solís (3), Alba Rodríguez (1), Elena Segade, Raquel Gómez (4), Eva Calvelo.

Colexiados: Cristina Olleros e Diego Rivera. Non influiron no resultado final.

Parciais cada 5´: 1-4 / 4-5 / 8-7 /13-9 / 15-9 / 17-12 – Descanso – 19-13 / 23-17 / 25-20 / 29-24 / 32-27 / 36-29 – Final.

Incidencias: Encontro correspondente a 10ª xornada da 1ª autonómica feminina disputado no pavillón Municipal da Cañiza o pasado sábado. Un centenar de siareiros nas bancadas.