Boas sensacións do Hierros Varela Urbieta a pesar da derrota

O Hierros Varela Urbieta da División De Honra cadete feminina, mostrou unha mellor cara no partido do pasado sábado ante o Club Balonmán Pavillón De Ourense. A pesar das innumerables baixas por lesión, as de Xiria competiron desde o primeiro minuto ata o último, algo que se lles viña reclamando en anteriores partidos. A intensidade e a actitude mostrada neste encontro, foi notable por parte das carballesas e as sensacións coas que se terminou o partido, moi positivas.

Despois dun comezo igualado (3-3), as visitantes tomarían unha vantaxe cómoda (4-7) que as de Xiria encargaríanse de anular cando se entraba nos últimos dez minutos do encontro (9-9), pero de novo, úns instantes de imprecisións e erros non forzados, axudarían ás nenas da cidade das Burgas a retirarse ao descanso cun marcador favorable de 12-16.

Unha saída impoñente das de Carballo na continuación, amparadas nun bo traballo defensivo en colaboración coa portería, faría posible que as de Hierros Varela Urbieta désenlle a volta ao marcador para pasar a dominar por 17-16 no minuto dez. Despois de conseguir o máis difícil, cinco novos minutos de erros e imprecisións, darían de novo a vantaxe ás de Ourense, que cun parcial de 0-4 colocábanse nunha posición idónea para afrontar o últimos quince minutos do encontro.

As Bergantiñás volverían á carga e aínda que conseguirían de novo achegarse ata os dous goles de diferenza, o equipo rival administraría ben os minutos finais para levar a vitoria e os dous puntos en xogo no encontro que poñía fin a este ano 2019.

Hierros Varela Urbieta: 24 (12+12). Lucía Lema (p), Elena Collazo (p), Valeria Santos (1), María Patiño, Nerea Varela (4), Nina Pereira, Stefanía Landri, Lucía España (6), Anna Mª Hernández (3), Natalia Cancela, Lara Otero (5), Marta Agra (5).

BM Pabellón Ourense: 29 (16+13). Uxía González, Noa Fariñas, Sara Iglesias (7), Carla Pérez (3), Mónica Prieto (5), María González (6), Yanely Ruth Rodríguez, Leila Durán (6), Marta Rodríguez (2), María Gallardo.

Colexiado: Rubén Iglesias Álvarez. Estivo ben en liñas xerais.

Parciais cada 5´: 3-3 / 4-7 / 7-8 /9-9 / 11-12 / 12-16 – Descanso – 14-16 / 17-16 / 17-20 / 20-23 / 22-25 / 24-29 – Final.

Incidencias: Encontro correspondente a 11ª xornada da DH Cadete Feminina disputado no pavillón do Ceip Fogar o pasado sábado. Cerca de trinta persoas que puideron ver o bo partido das rapazas do Hierros Varela Urbieta.