O Goldie Xiria Carballo Turismo domina e vence á SAR

Despois de tres derrotas consecutivas, o Goldie Xiria Carballo Turismo buscaba con empeño romper esa mala serie e mellorar as súas sensacións. O partido do pasado sábado ante a SAR de Redondela, foi o punto de inflexión para que as carballesas conseguisen ese obxectivo cun dominio de principio a fin, que ademais as impulsa ata a cuarta praza da táboa clasificatoria.

As mozas de “ouro”, colleron a dianteira no marcador desde o primeiro momento e aínda que non foron poucos os problemas e desaxustes defensivos nestes instantes, o Goldie Xiria mantivo as diferenzas coa solvencia mostrada no ataque. Aos poucos e co transcorrer dos minutos, o conxunto bergantiñán foi entoándose, máis sobrio agora na súa retagarda grazas ao sistema defensivo 5:1. Ao descanso, as bergantiñás dominaban con comodidade (17-11) e quedaba referendar a boa actuación no segundo acto.

Na continuación, o Goldie Xiria Carballo Turismo saíu serio e concentrado, disposto a evitar posibles sorpresas ante o seu rival. Dominando o tempo e o marcador, as de Xiria foron aos poucos aumentando as diferenzas no electrónico ata conseguir eses dous puntos que as levanta a unha cuarta praza de privilexio na clasificación.

Goldie Xiria Carballo Turismo. 31 (17+14). Nadia Campos (p), Sara Pose (p), Carla Santiago (3), Elba Pérez, Aida Vizcaino (2), Mina Ribullén (5), Tamara Pombo (5), Minia Calvo, Jessica Posse (8), Natalia Solís (2), Eva Calvelo, Saray Couto, Alba Rodríguez, Elena Segade (4), Raquel Gómez (2).

SAR Ledisson: 22 (11+11). Inés Martínez, Catalina Rodríguez (1), Lucía Groba, Sara Vilaboa (1), Natalia Táboas (1), Carla Barciela (1), Catarina Abad (3), Claudia Kaulback (8), Eva Paz, Iria González (2), Ana Rodríguez (5), Begoña Fuenteseca.

Colexiados: Wallace Moreira e Rubén Iglesias. Non influiron no resultado final.

Incidencias: Encontro correspondente a 9ª  xornada da primeira autonómica feminina. Partido celebrado no pavillón Vila de Noia que presentou un bo ambiente nas bancadas cos siareiros do Goldie Xiria Carballo Turismo animando durante os sesenta minutos.