Bueu foi a sede dunha intensa e emocionante fin de semana de balonmán na categoría xuvenil masculina, onde se disputou o Play Off do Grupo D. Tras tres xornadas de máxima igualdade e esixencia, o Bueu Atlético e o Hierros Varela Urbieta Xiria acadaron os dous billetes en xogo para competir na Liga Ouro, a máxima categoría do balonmán galego.
A competición non comezou do xeito desexado para un conxunto carballés que chegaba a Bueu coa baixa de última hora de Desale. Na xornada inaugural do venres, o Hierros Varela Urbieta Xiria enfrontouse ao anfitrión, o Bueu Atlético, nun encontro no que os locais foron superiores cun alto ritmo de xogo e unha gran eficacia goleadora (45-31). Esta derrota inicial deixaba sen marxe de erro aos carballeses, obrigándoos a gañar os dous partidos restantes se querían manter vivo o soño da Liga Ouro.
Coa presión de xogarse o todo polo todo, o Xiria saltou o sábado á pista do pavillón Pablo Herbello para medirse ao Balonmán Porriño. Os carballeses repuxéronse do duro golpe do día anterior mostrando unha gran forza mental cunha mellora defensiva clave. Nun duelo moi apertado e traballado en cada posesión, xestionaron mellor os momentos críticos do choque para rematar levándose unha vitoria vital (25-27).
Con todo por decidir, a mañá do domingo reservaba un final de infarto. O Hierros Varela Urbieta Xiria medíase ao Atlético Novás nun duelo directo con aroma a final no cal quen gañase obtiña a segunda praza de acceso á Liga Ouro. Foi un partido con moita igualdade, defensas moi intensas e un alto nivel de esixencia por parte de ambos conxuntos. Aínda que ao descanso o resultado parecía amosar un dominio do Xiria (14-10), nada máis lonxe da realidade pois o Novás apretaría no comezo da segunda parte dano a volta ao resultado a falta de 10 minutos (19-20). A partir de aí a igualdade foi máxima con constantes alternativas . No último minuto e co partido igualado, os carballeses defenderon moi ben o ataque do conxunto do Rosal culminado cunha parada de Román Pérez a falta de 15 segundos e un gol de Iván Rey sobre a bocina (24-23).
Cun gran exercicio de superación, repoñéndose á baixa de última hora de Desale, o Hierros Varela Urbieta Xiria cumpre o obxectivo e estará presente entre os grandes do balonmán xuvenil galego esta tempada.


