O Xiria regresou á senda da vitoria nun partido intenso e cheo de emoción, tras varias derrotas consecutivas. A primeira metade estivo marcada pola superioridade visitante, que alcanzou unha vantaxe de cinco goles ao descanso (11–16).
Na segunda metade, o Xiria demostrou carácter, resistencia e unha grande capacidade de reacción. Cunha defensa sólida e un ataque organizado, a equipa foi reducindo progresivamente a diferenza, chegando a igualar o marcador e mesmo superar ao rival nos minutos finais. O triunfo non só reflicte a experiencia dos xogadores sénior, senón tamén a boa enerxía e o apoio fundamental dos cadetes, que estiveron presentes no partido, motivando, animando e contaxiando ao grupo cunha actitude positiva que marcou a dinámica do equipo.
Entre os xogadores máis destacados estiveron:
- Saúl Fuentefría Seoane, con 11 goles, como principal referencia ofensiva
- Nicolás Cancela Moscoso, clave na organización e liderado do ataque
- Marcos Varela Varela, liderando e mantendo o foco na defensa
Esta vitoria serve de impulso e confianza de cara á última xornada da competición, na que o Xiria se desprazará para enfrontarse ao Celtamotor Reconquista de Vigo o domingo, 8 de marzo, ás 16:30 h. Será unha oportunidade para pechar a tempada con forza, consolidar o traballo realizado ao longo de toda a Liga Ouro e seguir contando coa implicación e a boa enerxía dos cadetes no futuro do club.


