Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

O Laber Xiria segue invicto na segunda praza da clasificación

Importante e sufrida vitoria dos xuvenís do Xiria ante o Academia Octavio que os mantén invictos nestas seis xornadas de liga e no segundo posto da táboa clasificatoria. Comezaron os…

Importante e sufrida vitoria dos xuvenís do Xiria ante o Academia Octavio que os mantén invictos nestas seis xornadas de liga e no segundo posto da táboa clasificatoria.

Comezaron os de Carballo dominando no xogo e no electrónico (4-0 minuto 5), pero os olívicos, sendo pacientes ante a ferrea defensa local, aproveitaban os erros e as perdas de balón dos seus rivais para, aos poucos, non perderlle a cara ao partido (9-6 minuto 15). A vantaxe de tres goles a favor dos bergantiñáns foi a tónica deste primeiro tempo e os xogadores da Academia Octavio non foron capaces de reducir a renda no primeiros trinta minutos. A superioridade defensiva dos de casa marcaría o primeiro acto e os dous conxuntos retirábanse a vestiarios no tempo de descanso cun marcador de 16-13.

A segunda parte foi unha auténtica montaña rusa, os de Vigo sorprendían na súa saída, freaban o ataque dos carballeses e creaban dúbidas na súa retagarda para conseguir un parcial de 4-9 nos primeiros quince minutos deste tempo e porse por diante (20-22). Os verdinegros comezaban a precipitarse, a querer resolver de forma individual, non existía o xogo combinativo e aparecían as imprecisións que regalaban importantes balóns aos visitantes. Era o peor momento do Laber Xiria, pero o equipo recomporíase e daba a volta á situación en apenas cinco minutos endosando un parcial de 5-1 ao seu rival con tinguiduras épicas (25-23). Neste contexto de idas e vindas, os olívicos reaccionaban e igualaban de novo o electrónico a cinco minutos do final (26-26). A tensión era patente na pista e na bancada, todo estaba por decidir e tan só quedaban cinco minutos para a conclusión do choque.

Nun alarde de personalidade e de madurez, os xogadores de Carballo sacaron a relucir o mellor balonmán do partido cando máis se necesitaba. A pausa, a solidariedade e o xogo colectivo na continuidade do balón, aparecían no mellor momento para noquear de forma definitiva a un fantástico rival cun marabilloso 5-0 de parcial que deixaba o marcador en 31-26 para os de casa.

Desta forma, o conxunto de Carballo mantén a segunda praza na clasificación antes de recibir a semana que vén ao Teucro de Pontevedra nun interesantísimo encontro, xa que os pontevedreses son líderes tan só dous puntos por diante do Laber Xiria. Un dos mellores partidos que se poden ver actualmente na categoría xuvenil no cal os xogadores bergantiñáns esperan facer un bo encontro que os levante ao liderado.

Laber Xiria: 31 (16+15). Antonio Mato, Carlos Vilanova (6), Gabriel Castiñeiras (5), Juanka (8), José Pereira (5), Iván Calvo (5), Borja Rodríguez (1) –Equipo Inicial- Tito, Alex Figueroa (1), Manuel Souto, Kevin Santos, Daniel Esmorís, Andrés Vila, Roi Alfeirán, Antón Traba, Francisco Rey.

Academia Octavio: 26 (13+13). D. Fernández, Diego (7), I.Fernández (4), De La Iglesia (3), Lois (5), Alcántara (2), Sergio (3) –Descanso- Daniel, Trigo (2), De Moura, Gregorio, Miguel.

Parciais cada 5´: 4-0/6-3/9-6/12-9/15-11/16-13**/Descanso/18-16/20-20/20-22/25-23/26-26/31-26/Final.**

Colexiados: Micael Martínez e Alfredo Balado. Excluiron con dous minutos a Juanka, José Pereira (2), Carlos e Antón Traba polos locais e a Alcántara polos visitantes.

Incidencias: Encontro da sexta xornada da liga de División de Honra na categoría xuvenil, disputado no Vila de Noia ante un centenar de seareiros de ambos conxuntos.

Fotos do encontro:

1

3

5

6

7

Destacada

Gabri entre 1 y 2

Clasificación:

Clasificación sexta jornada