O Laber Xiria volve á senda da vitoria
Despois da derrota do pasado fin de semana, primeira do actual campionato ligueiro, o Laber Xiria visitaba o pavillón de Novo Mesoiro no que ía ser o segundo derbi da…

Despois da derrota do pasado fin de semana, primeira do actual campionato ligueiro, o Laber Xiria visitaba o pavillón de Novo Mesoiro no que ía ser o segundo derbi da tempada, esta vez ante un BM.Artabro que conta cun excelente cadro de persoal e que está a cultivar resultados máis que meritorios. Os carballeses, si querían seguir ocupando os postos altos da táboa de clasificación, non podían permitirse outro erro e así o demostraron dende o inicio no encontro, non dando opcións a un rival que no día de hoxe non puido coa retagarda dos verdinegros.
Os de Xiria recuperaron sensacións en tarefas defensivas, feito que propiciaba a saída ao contragolpe. Os primeiros cinco minutos foron un fiel reflexo do que ía ser o partido, cos bergantiñáns levantando un muro infranqueable ante a súa portaría e resolvendo con vertixinosos contraataques en primeira onda (1-4). Tres erros noutros tantos lanzamentos dende o seis metros, foron aproveitados polo conxunto local para apertar as diferenzas e é que aínda coa importante baixa de Antón, o conxunto coruñés non está exento de calidade (4-6 minuto 10). A partir de entón, o Laber Xiria establecería un parcial de 6-15 para chegar ao descanso dominando por un resultado de 10-21, diferenza xa insalvable para os coruñeses.
En todo momento as rotacións funcionaron e a participación dos xogadores cadetes foi excelente, axudando tanto defensivamente como en ataque a consumar unha vitoria moi importante para o devir da competición e para seguir aspirando a recuperar o primeiro posto en futuras xornadas. Estes dous puntos manteñen ao Laber Xiria na segunda praza, á espera do que fagan este fin de semana Bueu e Teucro (primeiro e terceiro respectivamente) no partido que os enfronta.
O próximo fin de semana, o Laber Xiria recibe ao BM.Pavillón de Ourense coa necesidade de seguir puntuando de dous en dous. Os ourensáns, que ocupan a parte baixa da táboa clasificatoria e aínda non puntuaron, é un equipo bastante mellor do que mostran os números, xa que moitos partidos contra rivais que pelexan polos primeiros postos, foron igualados.
BM.Artabro: 20 (10+10). Andrea (p), Iago (3), Javi (3), Marcos (3), David (3), Angel (1), Jorge (2), Miguel (3), Pablo, Carlos, Barreiro, Lucas (2).
Laber Xiria : 42 (21+21). Antonio (p), Gabriel Castiñeiras (6), Juanka (11), José Pereira (4), Daniel Esmorís (4), Iván Calvo, Carlos Vilanova (7)-Equipo Inicial- Manuel Souto (p), Fran Rey, Alex Figueroa (1), Andrés Vila (3), Ronaldo Durán (1), Roi Alfeirán (1), Borja Rodríguez, Kevin Santos (1), Tito (3).
Parciais cada 5´: 1-4/4-6/5-10/6-14/8-18/10-21-Descanso-12-24/13-27/13-33/16-35/17-39/20-42-Final.
Colexiado: Andrés Rosendo. Excluíu con dous minutos a Carlos polos locais, namentres que polo Laber Xiria foi excluido José Pereira.
Incidencias: Encontro correspondente á décima xornada da liga de División de Honra en categoría xuvenil, disputado no pavillón herculino de Novo Mesoiro ante un centenar de seareiros de ambos os conxuntos.
Fotos do encontro:











