OAR Coruña 19 – Calvo Xiria 25

Crónica do OAR Coruña 19 – Calvo Xiria 25
Manuel Rey / 3 Febreiro 2014
OAR CORUÑA 19 – CALVO XIRIA 25

OAR Coruña 19 (8+11): Cristian [p], Alfonso (3), Miguel (4), Pedro (3), Sergio (4), Camilo (1), Víctor (4) – equipo inicial – Ignacio [p], Bruno [p], César, Fabián, Suárez, Miguel, Gabriel.

Calvo Xiria 25 (11+14): Iago [p], Ramón (2), Rubén , Sergio (2), Chimpo (5), Jorge, Manuel (4) -equipo inicial- Zúpez [p], Pablo (4) , Gonzalo, Zas (3), Calvete, Brais (5), Martín.

Colexiados: Roberto Alcalde Golas e David Ramos Montero do colexio de Castela e León. Non sinalaron exclusión algunha por parte local mentres que polo bando visitante sancionaron a Sergio (10´e 18´) e Ramón (17´e 55´).

Marcador: 1-2, 2-4, 4-7, 7-8, 8-9, 8-11 (descanso); 9-13, 12-16, 13-18, 16-18, 18-22, 19-25.

7 metros: OAR Coruña: 1 / 1 ### Calvo Xiria: 2 / 2

Pouco máis dun centenar de espectadores no Pavillón San Franciso Javier, dos que, a pesar da desapacible tarde, a maior parte desprazáronse dende Carballo para seguir ao seu equipo
Novo derbi provincial e nova vitoria para o Calvo Xiria, desta volta no papel de visitante ante o OAR da Coruña. O marcador final de 19 a 25 concede dous novos puntos aos carballeses na loita por acadar os postos máis nobres da táboa clasificatoria.

A igualdade agardada non foi tal xa que houbo un factor desequilibrante no partido, a defensa verdibranca. Foi quen o Calvo Xiria de deixar aos coruñeses, cunha media esta tempada de 29 goles a favor por partido, en só 19 dianas. Dende o inicio puxo o listón moi alto, concentración e intensidade no plano individual e colectivo defensivo, ao que houbo que engadir unha moi boa actuación na portería de Iago. As continuas axudas defensivas, nun partido no que todos os xogadores raiaron a un moi bo nivel, impedían aos lanzadores coruñeses ter opcións de gol.

Pouco a pouco e aproveitando os contraataques acadou as primeiras vantaxes, que chegaron a ser de catro goles no minuto quince, mais unha situación de inferioridade 6 contra 4 permitiu ao conxunto local meterse no partido e situarse a un gol, mais ca igualdade numérica amosouse de novo superior o cadro carballés que marchou para o descanso cunha vantaxe de tres goles.

O segundo tempo foi un calco do primeiro, cun conxunto mandando no ritmo de xogo e no electrónico. Unicamente a perda da continuidade no movemento de balón no ataque carballés permitiu un achegamento no marcador, mais foi un espellismo. Con novos folgos na ofensiva e cunha mellor selección de lanzamento o Calvo Xiria sentenciou un encontro que lle da un moi bo reforzo psicolóxico para o que queda de competición e no que foi superior dende o inicio ata o asubío final.

A vindeira xornada de novo o Calvo Xiria será visitante, desprazándose a Ourense para se enfrontar ao Balonmán Pabellón, ás 18:30 no Pavillón Municipal Os Remedios.