Oito deportistas de Bm. Xiria convocados coas selección galegas

Oito deportistas de Bm. Xiria convocados coas selección galegas

Seis xogadoras e dous xogadores das Escolas de Balonmán Xiria participarán esta semana nos adestramentos de tecnificación da Federación Galega en Pontevedra e Bueu

As Escolas de Balonmán Xiria volven ver recoñecido o traballo da súa canteira coa convocatoria de oito dos seus deportistas —seis en categoría feminina e dous en masculina— para os adestramentos que as seleccións galegas desenvolven esta semana.

A primeira en incorporarse será a infantil Julia Souto García, que adestrará este venres coa selección galega en Pontevedra, nunha xornada que coincide co Torneo Internacional Interpontes e que lle permitirá medirse a un contorno de alto nivel competitivo.

O domingo será a quenda de Bueu, que acollerá as sesións de traballo de cadete e xuvenil. En cadete masculino estarán convocados Sergio Pérez e Brais Sánchez no Pavillón Pablo Herbello, mentres que en categoría xuvenil feminina acudirán Lucía e Lorena Ngnipa, Sofía Rey, Mencía Rodríguez e Natalia Varela no Pavillón de Beluso.

Estas convocatorias supoñen un novo recoñecemento ao proxecto formativo do club carballés, que mantén unha presenza constante nas seleccións autonómicas en todas as categorías de base. Para os deportistas, representan ademais unha oportunidade de seguir crecendo e de compartir traballo con xogadores e xogadoras doutros clubs da comunidade.

Dende as Escolas de Balonmán Xiria trasladamos a nosa felicitación aos oito convocados e ao corpo técnico que os acompaña no seu día a día.