Os xuvenís do Xiria impoñense ao Cangas nun meritorio encontro

Un encontro con moitas alternativas e moita capacidade de traballo e sufrimento foron necesarias para que o equipo xuvenil de Escolas Balonmán Xiria, voltase á senda do triunfo e sobre todo e o que é máis importante, do bo xogo e das boas sensacións.

O conxunto de Xiria, saíu ao 40×20 do Gatañal cunha faciana ben distinta á das dúas anteriores xornadas. Dende o asubío inicial, púidose observar a uns xuvenís concentrados, atentos, intensos e moi contundentes en tarefas defensivas. Aínda que os primeiros minutos foron de igualdade do marcador, os carballeses mantíñanse sempre por diante e o seu xogo, estaba a ser moi superior ao do seu rival.

Unha vez rota a barreira do meridiano desta parte, os verdibrancos, cómodos na pista, comenzaron a desenrolar o seu mellor balonmán. O ritmo de balón era alto, as traxectorias, as respostas e o dinamismo dos xogadores sen o balón, desarboraban a retagarda dos do Morrazo e alcanzábase unha diferenza importante xusto antes de rematado o primeiro acto (11-15).

Na reanudación, as cousas cambiaron por completo. Os visitantes non conseguían perforar a portaría contraria, atascados agora nun xogo excesivamente predecible e con moi mala selección de lanzamento. Pola contra, os de Cangas, moito máis contundentes en defensa e esporeados polos seus siareiros, achegábanse de xeito perigoso no electrónico. Quince minutos de colapso por parte dos de Xiria, nos que non foron quen de marcar e un 7-0 de parcial encaixado, daba a dianteira ao seu rival (18-15) e debuxaba un panorama distinto que afrontar. Pero, continuando cos contrastes que nos deparou esta segunda parte, os últimos quince minutos voltaron a ser dos xuvenís de Xiria e non de calqueira xeito, senón, devolvendolles o seu rival un parcial contundente de 3-10 que volteaba de novo o marcador e daba a vitoria aos de Carballo (21-25).

É de xustiza resaltar a gran primeria parte do conxunto verdibranco e moito máis a excelente reacción baseada na fe e nun espíritu de convicción por acadar a vitoria. Destacar o papel importante de Dani Buño con catro paradas de moito mérito nos momentos máis delicados e do cadete Tito, materializando dende o extremo todos os lanzamentos que fixo nesa recta final. Como complemento, o excelente traballo colectivo e o bo nivel defensivo amosado durante os sesenta minutos por todo o plantel.

Para a semana que vén, complicado e ilusionante derbi ante o OAR da Coruña.

Luceros: 21 (11+10). David, Piñeiro (1), Pablo (5), Javi (6), Bruno (3), Angel (2), Eloy (3)-equipo inicial-Alberto (1), Mauro, Diego, Oscar, Adrián, Miguel.

E.BM.Xiria: 25 (15+10). Antonio, Gabriel Castiñeiras (3), José Pereira (2), Iván Calvo (6), Damián Rodríguez (6), Tito (4), Enrique Pena-equipo inicial-Dani Buño, Dani García (4), Borja Rodríguez, Borja González, Andrés Barca, Diego Gago, Alex Figueroa.

Marcador cada 5´: 2/2, 5/4, 7/6, 9/7, 13/9, 15/11-descanso-12/15, 16/15, 18/15, 19/19, 21/23, 21/25.

Árbitros: Carla Díz e Elena Rivas. Non influiron no resultado final. Excluiron dous minutos a Pablo, Adrián (2),  e Alberto (2) polos locais e a José Pereira (3), Iván Calvo (2) polos visitantes.

Incidencias: Encontro correspondente a sexta xornada da liga de División de Honra en categoría xuvenil disputado no pavillón do Gatañal de Cangas ante 150 espectadores. Presenza nas bancadas de siareiros do Xiria, cercanos aos 50, entre xogadores doutras categorías e familiares dos rapaces.

Clasificación tras sexta xornada:

juves cangas 1

IMG-20141102-WA0004