Partidazo e liderado para Calvo Xiria

Partido dos que os afeccionados ao deporte non se queren perder o disputado o sábado entre Calvo Xiria e Bm. Chapela, con boas accións tanto individuais coma colectivas, moitísima intensidade e, por suposto, igualdade no marcador. Unha grada, na que se viviu un exquisito comportamento, ateigada por seareiros de ambos conxuntos, que non deixaron de animar aos seus até o asubío final foi o colofón ao espectáculo deportivo que se viviu no Vila de Noia.

Tanto uns coma outros usaron as súas mellores armas dende o inicio, pero no minuto vinte, a temperá segunda exclusión de Ramón fixo mudar os plans do equipo carballés. Renunciando á velocidade na contra e ao saque rápido de centro, mais dándolle moita mobilidade e profundidade ao xogo estático. Aínda así foi o partido nos últimos anos que máis avisos de pasivo sufriu o cadro verdinegro, que en innumerables ocasións viuse apurado para lanzar logo de poucos segundos de posesión de balón para elaborar o xogo. A loita por cada posesión foi terrible e so os azos dos seareiros carballeses fixeron que o nivel de concentración e o empuxe en cada acción non decaese nos sesenta minutos. Agora, a cinco xornadas para rematar a liga, aos carballeses só lles vale sumar cinco vitorias para manter o posto de privilexio co que se fixo esta fin de semana. Deberán tirar proveito do aprendido da derrota en Bueu para encarar cada unha desta finais.

Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal Vila de Noia con máis de 600 seareiros nas bancadas. Colexiados: Javier Gutiérrez Quintano do colexio cántabro e Sergio Elordui Elorrieta do colexio vasco. Castigaron con exclusión polo Calvo Xiria a Ramón Suárez (9´, 20´), Sergio Facal (37´), Brais Puñal (40´), Javier Rodríguez (42´) namentres polo Construcciones Castro Bm. Chapela foron sancionados Arkaitz Vargas (15´, 39´), Jorge Fontenla (28´), Rubén Gómez (43´) 7 metros: Calvo Xiria 4//4   Construcciones Castro Bm Chapela 3//4. Marcador cada 5 minutos: 2-3, 4-5, 8-8, 12-10, 14-13, 16-15, descanso, 17-16, 19-17, 22-20, 25-23, 26-23, 28-27.

CALVO XIRIA 28 (15+13): Martín Gómez [p], Alejandro Naya, [p], Santiago Gómez [p], Alejandro Calvete (3), Brais Puñal, Manuel Méndez (4), Sergio Facal, Uxío Batán (1), Martín Alfeirán (10), Gonzalo Pombo (8), Ramón Suárez–Pumariega, Jorge Bouzas (1), Mario García de Seárez, Carlos Vilanova, Pablo Iglesias, Javier Rodríguez (1).

CONSTRUCCIONES CASTRO BM. CHAPELA 27 (15+12): Jesús Soliño [p], Anxo Táboas [p], Pablo González, Arkaitz Vargas (3), Rubén Gómez (4), José M. Cid (6), Enrique Fernández (1), Leonardo Domínguez, Jorge Fontenla (5), David Escudero (4), Roberto Couso (1), Pablo Orge (1), Pablo Martínez, Pablo Casal (2).