17/02/2007 PEGUFORM SAR 34 – CALVO XIRIA 27
Peguform SAR (10+14) 24: Paulino, Ricardo (3), Damián (9), Eduardo (9), Gustavo Gómez (5), Gustavo Castro e Manuel (1) –equipo inicial- Óscar, Agustín (3), Franciso José, Pablo Cabaleiro, Luis Ron (4), Rubén Darío e Xan.
Calvo Xiria (13+15) 28: Iván, Fernando Vázquez (6), Alberto Salgado (7), Pablo (3), Cristophe, Hernán (2) e Aitor (3) – equipo inicial – Quique, Cuco, Joaquín (3), Queco, Pombo (1), Manuel (2) e Chimpo.
O Calvo Xiria non puido dar a sorpresa na pista do líder e sucumbiu á maior experiencia local nun partido que a SAR se encargou de sentenciar nos últimos minutos da primeira metade. Non saiu mal o Xiria á cancha e aguantou os dous primeiros tercios do primeiro acto metido no partido, incluso mandando no marcador en varias fases do mesmo. Os lanzamentos de Fernando Vázquez e as rápidas transicións bastábanlle ao Xiria para manterse no partido e tutear a unha SAR que sobrevivía grazas ao acerto anotador primeiro de Gustavo Gómez e despois de Damián. Chegados á recta final da primeira parte, o equipo de Marcos Rodríguez sufriu unha páxara que aproveitou a SAR para coller unha diferenza de catro goles que sería insalvable xa para os visitantes. Os erros en ataque e a pasividade defensiva sentenciaron a un Xiria que xa non tivo poder de reacción na reanudación.
A SAR de Redondela saiu en tromba no inicio da segunda metade e pronto colleu unha renda de sete goles que poñía moi costa arriba o partido para o Calvo Xiria. Pese a todo, un parcial dos visitantes de 0-3, coincidindo cunha doble exclusión no bando local, facía albergar esperanzas de remontada aos carballeses. Estas difumináronse no momento no que a SAR recuperou a igualdade numérica e a efectividade de Luis Ron desde os seis metros, unido ao acerto dos extremos locais, Damián e Eduardo, aumentaron a diferencia dos locais ata os nove goles. Estes dous xogadores, con nove goles cada un, desesperaron a Iván e Quique, que tampouco tiveron o seu día. Mención aparte, de novo (e por desgracia), merece a arbitraxe deste partido. Os dous colexiados non estiveron á altura do choque entre o primeiro e terceiro clasificado e foron minando a moral dos carballeses durante todo o partido. Sen que sirva de excusa á derrota do Xiria, que foi inferior ao seu rival, a arbitraxe chegou a ser desesperante para os de Marcos Rodríguez. A gota que colmou o vaso, logo dun partido cheo de imprecisións por parte dos árbitros, foi unha saída do porteiro para frear un contraataque de Joaquín, a falta de pouco máis de dous minutos para o final do partido, e que propinou un golpe na cara moi perigoso para o xogador carballés, que tivo que abandonar o partido sangrando polo nariz. A decisión dos árbitros foi excluir ao porteiro local dous minutos (cando merecía a tarxeta vermella directa) e expulsar a Joaquín por mostrar o seu enfado no banquillo. Incomprensible.