Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

PEGUFORM SAR 34 – CALVO XIRIA 29

21/01/2008 PEGUFORM SAR 34 – CALVO XIRIA 29 Peguform SAR (21+13) 34: Yuri, Dito (2), Tito (2), Guta (5), Gus (1), Escudero (5) e Oli (9) -equipo inicial – Poli,…

21/01/2008 PEGUFORM SAR 34 – CALVO XIRIA 29
Peguform SAR (21+13) 34: Yuri, Dito (2), Tito (2), Guta (5), Gus (1), Escudero (5) e Oli (9) -equipo inicial – Poli, Polaco (5), Damián (4), Iñaki, San (1), e Carlos Areses.
Calvo Xiria (14+15) 29: Quique, Cuco (5), Roberto (5), Cristophe (4), Pablo (2), Jesús e Fernando Vázquez (3) -equipo inicial- Iago, Alex (2), Sebastián (3), Chimpo (4), Manuel (1), Pombo e Bruno.
Árbitros: Marcos Pérez e Francisco Soliño. Moi mal.
O Calvo Xiria non foi quen de sorprender ao líder en Redondela e sumou unha nova derrota que o alonxa dos postos de privilexio da tabla clasificatoria. O equipo de Marcos Rodríguez sucumbiu ao poderío da SAR, que só perdeu un partido no que vai de temporada e que se perfila como gran favorito para revalidar o título na categoría. O Seis do Nadal tampouco fallou esta fin de semana e alónxase un pouco máis do Xiria na clasificación. O conxunto carballés deberá gañar este mércores en Carballo o seu partido aprazado co Cangas para, cando menos, manterse a sete e dez puntos dos dous primeiros clasificados.

Non comezou mal o Calvo Xiria o seu partido fronte á SAR e, logo dun primeiro distanciamento dos locais (5-2), conseguiu remontar e pasar a dominar o marcador nos quince primeiros minutos de partido. O traballo de Cuco no pivote, o acerto inicial de Fernando dende os nove metros e a valentía de Cristophe permitían aos de Carballo meter o medo no corpo á SAR. Pero só foi un espellismo. Os locais, amparados no lanzamento exterior de Escudero, o acerto anotador de Oli e a sempre incómoda presenza de Guta no pivote, foron quen de apretar os dentes en defensa e manter o acerto en ataque para, nun abrir e pechar de ollos, coller unha renda de cinco goles que xa sería definitiva (19-14). A SAR aproveitouse do desconcerto xerado nas filas visitantes para engordar a diferenza e irse ao descanso con sete goles de vantaxe, unha renda insalvable para calquera conxunto que se enfronte aos de Redondela.

Intentou a reacción o Calvo Xiria ao inicio da reanudación e, grazas a un par de exclusións no bando local e ao acerto de Iago na potería, foi quen de colocarse a tres goles dos locais. Por desgraza para os de Carballo, o intento de remontada non tivo continuidade e a SAR soubo repoñerse para, pouco a pouco, pasar a dominar o tempo do partido e ir incrementando unha diferenza que chegou a estar nos oito goles (33-25). Só Cristophe se salvou da queima e foi o xogador máis destacado dun Calvo Xiria que ten xa moi difícil o poder disputar unha das dúas primeiras prazas da clasificación. Mención aparte merece o capítulo dos penaltis. Mentres a SAR marcaba todos os seus lanzamentos de sete metros, o Calvo Xiria só era quen de anotar dous dos sete lanzamentos dos que dispuxo. Demasiada vantaxe para un equipo como o de Redondela. E o peor de todo e que Yuri só tivo que parar un penalti, xa que os outros catro toparon coa madeira. Da arbitraxe mellor non dicir nada. Ou case nada. Simplemente foi malísima, para un e outro conxunto.