Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

PORTADEZA LALÍN 31 – CALVO XIRIA 28

18/03/2007 PORTADEZA LALÍN 31 – CALVO XIRIA 28 Portadeza Lalín (17+14) 31: Iago, Miguel (11), Alexandre (3), Roberto (7), Hugo (1), José Ramón e Borja (7) –equipo inicial- Agustín, Julián,…

18/03/2007 PORTADEZA LALÍN 31 – CALVO XIRIA 28
Portadeza Lalín (17+14) 31: Iago, Miguel (11), Alexandre (3), Roberto (7), Hugo (1), José Ramón e Borja (7) –equipo inicial- Agustín, Julián, Jesús, Manuel e Roibás (2).
Calvo Xiria (15+13) 28: Iván, Fernando Vázquez (2), Cuco (3), Pombo (5), Queco (2), Ángel (3) e Aitor (2) – equipo inicial – Quique, Chimpo (3), Hernán (1), Pablo (4), Cristophe (2) e Manuel (1).
Árbitros: Pablo Goitia e Rafael Iglesias. Mal.
O Calvo Xiria sumou unha nova derrota, a terceira consecutiva, no partido que lle enfrontou este domingo ao Portadeza Lalín no Pavillón Municipal de Lalín, correspondente á 23ª xornada de liga en 2ª Nacional. O Calvo Xiria comezou moi frío o partido e permitiu que o Lalín fora sempre por diante no marcador, con lixeiras vantaxes de 2 e 3 goles que nunca soubo atallar o conxunto carballés. A mala defensa permitiu opcións claras de tiro para Miguel e Borja que, dende a primeira liña dos locais, macahacaban unha e outra vez a branda defensa dos de Marcos Rodríguez. Ademáis, o Xiria volvía a ter moitas dificultades no ataque, onde só Ángel parecía atopar o camiño para doblegar ao conxunto do Deza. Moito máis fluido no seu xogo de ataque, o Lalín chegou a contar cunha máxima renda de catro goles, que o Calvo Xiria reduciría ata dous antes de chegar ao descanso (17-15). Os 17 goles encaixados polos de Carballo son boa mostra das facilidades defensivas que concedeu ao seu rival no primeiro acto.

A segunda metade comezou de xeito moi similar ao que fora o partido ata o momento e o Lalín non tiña problemas para conservar a súa vantaxe e devolvela aos 3 e 4 goles nos primeiros compases da reanudación. Esta vez era Roberto, dende o extremo, quen atopaba facilidades para superar cos seus goles á defensa carballesa. Pero tres goles case consecutivos de Pablo e un par de accións de contraataque permitiron aos carballeses, no último tramo do partido, empatar o marcador (26-26) e devolver as esperanzas de conseguir unha victoria. Dúas exclusións rigorosísimas de Hernán no tramo final permitiron ao Lalín facer un parcial de 5-0 e levar ao conxunto local a unha victoria que lle permite dar caza ao Calvo Xiria na táboa clasificatoria. Chimpo, con dous goles ao final, conseguiu maquillar o marcador e deixar o definitivo 31-28. Hai que destacar a aportación de Quique na portería carballesa na segunda metade, que impediu que o Lalín acabara o partido cunha renda maior. A actuación arbitral, igualmente, deixou moito que desexar. Pablo Goitia e Rafael Iglesias castigaron ao Xiria con moi rigorosas exclusións, sete en total, por tan só tres do Lalín. Aínda así, non se pode escudar o Calvo Xiria na actuación arbitral, xa que o xogo do conxunto carballés non foi bo. Marcos, ademáis, concedeu máis minutos aos menos habituais, aproveitando que nada se xoga xa na liga o Calvo Xiria.