PRESENTACIÓN DAS ESCOLAS DE VERÁN 2009

O Concello colabora no desenvolvemento da XVI Escola de Verán de Balonmán da Asociación Deportiva Xiria
29/05/2009
O Concello de Carballo colabora coa Asociación Deportiva Xiria na posta en marcha da XVI Escola de Verán de Balonmán, así como na V Escola de Xogo e Iniciación Deportiva para Peques. Estas citas están dirixidas para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e inclúen actividades deportivas, lúdicas e culturais que se desenvolven tanto no Pavillón Vila de Noia como no CEIP Fogar entre o 6 de xullo e o 4 de setembro. Dentro do programa destaca o desenvolvemento de xogos, informática, manualidades, inglés, expresión oral, ademais de múltiples actividades deportivas e excursións a praia ou ao monte.

Os interesados e interesadas en inscribir aos seus fillos e fillas poden facelo dende o 15 de maio nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal, situadas no segundo andar da casa consistorial. A cota por dous meses nas escolas é de 70 euros para socios da EB Xiria, e de 90 euros para non socios. Por un mes, as cotas son de 40 euros e 50 euros para socios e non socios, respectivamente. Para os irmáns dos participantes hai un desconto do 15 por cento. Os dous horarios existentes son  de  9.30 a 13.30 horas e de 11.00 a 13.30 horas.

Segundo os responsables das escolas, o obxectivo é dividir as actividades tanto por sesións como por tramos de idade para conseguir que todo sexa máis dinámico. As escolas contan con monitores especializados, e os seus responsables quixeron subliñar que ata 200 nenos poden chegar a participar entre a Escola de Verán e a Escola de Xogo e Iniciación Deportiva para Peques. No primeiro caso está previsto facer catro grupos de 25 nenos e nenas; e no segundo, cinco grupos de 20 nenos e nenas.

O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo subliñar a importancia de que unhas escolas deste tipo teñan chegado á súa edición número dezaseis, ademais de que a destinada para os peques «vai a bo paso» pola súa quinta edición. Trigo sinala que estas escolas de balonmán «son un referente, incluso a nivel de toda Galicia», e «atende un enfoque diferente da actividade deportiva dos rapaces e rapazas».
Fonte: www.carballo.org

Participaron na presentación: Marcos Trigo, concelleiro de Deportes do Concello de Carballo, Francisco García, xerente do Padroado Deportivo Municipal, Carlos Pereira, xerente de Grupo Eter, Marcos Rodríguez, director técnico das Escolas de Balonmán Xiria e Roberto Puga e José Antonio Rodríguez, directivos das Escolas de Balonmán Xiria.

Por parte dos medios de comunicación asisitiron representantes de El Diario de Bergantiños e do Gabinete de Prensa do Concello. Botouse en falte a presenza de outros medios de comunicación locais.