Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

Escolas de Verán

PRESENTADAS AS ESCOLAS DEPORTIVAS E CULTURAIS XIRIA VERÁN 2011

O programa Concilia e as Escolas Deportivas e Culturais Xiria colaboran por segundo verán consecutivo O programa Concilia e as Escolas Deportivas e Culturais Xiria colaboran por segundo verán consecutivo…

O programa Concilia e as Escolas Deportivas e Culturais Xiria colaboran por segundo verán consecutivo

O programa Concilia e as Escolas Deportivas e Culturais Xiria colaboran por segundo verán consecutivo
13/06/2011 O programa Concilia, unha iniciativa que pretende favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais dos alumnos e alumnas dos centros escolares carballeses de Infantil e Primaria, únese por segundo ano consecutivo coas Escolas Deportivas e Culturais Xiria, que ofrecen actividades de lecer para os cativos e cativas do municipio nados entre 1999 e 2007 (inclusive) para ofrecer a posibilidade durante os meses de xullo e agosto de que os rapaces e rapazas estean atendidos entre as 7.30 e as 14.00 horas. Así, a través do Concilia os nenos e nenas están coidados entre as 7.30 e 10.00 horas, coa posibilidade de incluír o almorzo, que correría a cargo da empresa Xolda. E a partires das 10.00 ou das 11.00 horas e ata as 14.00 horas, segundo o horario elixido, os participantes nas Escolas desenvolven actividades deportivas e culturais no CEIP Fogar da capital municipal e no Pavillón Vila de Noia, nas que tamén se inclúen actividades alternativas como excursións, xogos populares, visitas á praia, ao monte ou ao parque acuático. As inscricións poden formalizarse dende o 6 de xuño nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal situadas na rúa Vila de Corcubión. Pode obterse máis información, sobre horarios e prezos chamando ao 981 702 109, así como descargar a folla de inscrición en pdf nesta mesma nova.

A Concelleira de Servizos Sociais en funcións, Dores Silveira, quixo subliñar que as familias que participan no Concilia durante todo o ano poderán continuar co servizo durante o verán grazas ás Escolas, xa que a maioría das familias non contan cos dous meses de vacacións cos que contan os cativos e cativas. Explica, así mesmo, que familias que durante todo o ano participan no programa de Educación Familiar, que trata de paliar as deficiencias presentadas nas familias, procurando a prevención de futuras dificultades e a integración social dos seus membros, teñen a posibilidade de participar nas Escolas de xeito gratuíto grazas á axuda do Concello. O 5 por cento da oferta das Escolas vai destinada a este programa. Dende as Escolas queren, así mesmo, agradecer a confianza depositada un ano máis para realizar este tipo de actividades, ademais de resaltar o amplo abano de posibilidades das actividades que se inclúen durante 5 días á semana e que unen cultura e deporte. Obradoiros de traballos manuais, teatro, informática ou inglés forman parte desta oferta, ademais de grupos de actividade deportiva adaptados para cada idade, incluíndo psicomotricidade para os máis cativos e cativas de 3 anos.

As escolas ofrecen, así mesmo, a posibilidade de anotarse durante dous meses (xullo e agosto) ou un único mes, ofrecendo descontos especiais para socios das Escolas de Balonmán Xiria e para os segundos irmáns/ás dunha mesma familia. O Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, subliñou o feito de que a adxudicación do Concilia para as Escolas de Balonmán Xiria tense realizado a través dun proceso de contratación no que concorreron tres entidades, e que o servizo recaeu na mellor oferta. Mencionou a «traxectoria e prestixio recoñecido» destas escolas, «que son unha referencia» e resaltou a importancia de ofrecer a asociacións e entidades que «que fan un bo traballo no fomento do deporte» a oportunidade de xestionar este tipo de servizos «e ademais facelo de maneira excepcional». Manifestou a vontade do goberno de seguir apoiando iniciativas como esta para «que Carballo siga a ser un referente deportivo». O número máximo de inscritos é de 225 nenos e nenas, e hai que mencionar que o ano pasado cubríronse todas as prazas. Por último, tamén hai que apuntar que as Escolas Deportivas e Culturas Xiria cumpren este verán a maioría de idade coa edición número 18.

Máis sobre isto