Previa xornada

Este sábado ás 18:30 no Pavillón da Seca (Poio) afronta o inicio dun novo reto na 1ª Estatal o Calvo Xiria en partido que o enfrontará ao Artai Poio, coa arbitraxe de José María Reyes e Susana Reoyo.

Con cinco caras novas e tres baixas sensibles preséntase este inicio de liga para o conxunto verdibranco. Pablo Iglesias logo do seu paso pola Asobal en Cangas e Julián López, Alberto Pereira, Cristian Gómez e José Mallo logo de finalizar a categoría xuvenil son alta, mentres que Santiago Gómez (S D Teucro), Hugo Rodríguez (OAR Coruña ) e Alejandro Zas (estudos)  non seguen baixo a disciplina carballesa.

Cas dúbidas lóxicas de comezar a liga ante un recén ascendido, que de seguro contará co plus da motivación de estrear categoría ante os seus seareiros, afronta un renovado Calvo Xiria este encontro con dous puntos en xogo moi importantes  polo calendario que lle deparou o sorteo da Federación Española aos carballeses, xa que nos vindeiros tres partidos medirase a tres dos equipos chamados a ocupar a primeira praza da táboa clasificatoria. Defensa e contraataque serán armas imprescindibles para puntuar no seu debut.

A convocatoria de Marcos Rodríguez para o encontro inaugural da tempada é: Alejandro Naya e Martín Gómez (porteiros), Alejandro Calvete e Ramón Suárez-Pumariega (pivotes), Jorge Bouzas, Manuel Méndez, Pablo Iglesias, Martín Alfeirán, Iván Campos, Julián López e Gonzalo Pombo (1ª liñas), Brais Puñal, Javier Rodríguez e Sergio Facal (2ª liñas), sendo baixa médica Mario García de Seárez por mor dunha distensión no seu ombreiro dereito.

Tamén ao Goldie Xiria, representante do balonmán feminino carballés, tocáballe afrontar o inicio da liga na 1ª Estatal Autonómica , mais logo de sufrir tres baixas por lesións e outras tantas por motivos persoais, acordou co seu rival, o Bm Porriño, aprazar o encontro para vindeiras datas. Agardamos unha pronta recuperación das xogadoras carballesas para poder afrontar con garantías as vindeiras xornadas.