PROCASA XIRIA 20 – BM PONTEDEUME 24

Non podemos mostrar a taboa de goleadores,dado que non hai acta do partido xa que ningún arbitro acudiu ao encontro.

Procasa Xiria: Alberte, Marc, Miguel, Óscar, Cristian, Marco, Alberto, Enrique, Jorge, Iván, Manuel.

Debut do segundo equipo infantil do club, o Procasa Xiria, composto por xogadores infantís de primeiro ano que comezan a xogar este curso e por xogadores alevíns, que se enfrontou ao Bm Pontedeume na primeira xornada do Campionato Territorial Infantil. O cadro carballés afrontaba de forma ilusionante o seu primeiro partido de competición en pista de 40×20. A experiencia foi moi positiva a pesar do resultado posto que os rapaces amosaron un manexo excelente do balón, impropio destas idades.

Puideron participar todos os rapaces no encontro e fixeron a delicia das súas familias que aplaudían sen cesar nas bancadas.

A primeira metade foi de dominio carballés, os visitantes non eran quen de superar a maior calidade dos rapaces de Carballo, a pesar de que os do Eume si os superaban en forza e antropometría. Practicamente en toda esta primeira parte estiveron por diante os do Procasa pero no intermedio conseguían os eumeses irse cunha igualada aos vestiarios, 10-10.

Na segunda metade foron os visitantes os que se puxeron por diante e non abandonaron a dianteira en ningún momento, aínda que sen mostrar ningunha cualidade técnica ou táctica que chamara a atención, faceta onde, con moito, foron tremendamente superiores os alevíns e infantís do equipo de Carballo. Os de Pontedeume leváronse a vitoria utilizando nada máis que a súa antropometría e corpulencia, baseandose nunha defensa cerrada que era dificilmente franqueable polos rapaces do Procasa, aínda faltos de envergadura, e nos lanzamentos do seu xogador máis alto, pero amosouse como un equipo carente de xogo en conxunto e dos fundamentos técnico-tácticos do balonmán.