R.G.C. COVADONGA 28 – CALVO XIRIA 30

XORNADA 12

08/12/2009 R.G.C. COVADONGA 28 – CALVO XIRIA 30
R.G.C. Covadonga 28 (15+13): Emilio (p, 8 paradas), Carlos Rubio (6), Carlos Macho (9/ 4 de 7m), Santoyo (2), Diego (3), Juan Fernández “Mere” (1), Castaño -equipo inicial- Héctor Cancio (p), Israel Sánchez “Pirri” (6/ 2 de 7m), Sergio (1), Héctor Iglesias, Piñera e Medina.

Calvo Xiria 30 (11+19): Kike (p, 12 paradas), Cuco (4), Chimpo (1), Pablo (11/ 5 de 7m), Christophe (1), Alberto (7), Jesús (2 ) –equipo inicial- Iago (p, 1 parada), ), Iván (3), Ramón, Ángel (1) e Álex Zas.

Colexiados: Abraham Clemente Espinosa e Marco Antonio Clemente Espinosa (Asturias). Excluíron aos xogadores locais Diego (min. 44) e Héctor Iglesias (min.54); e aos visitantes Cuco (min.18 e 34) e Ramón (min. 31).

Parciais: 1-0, 4-3, 6-7, 10-8, 12-10, 15-11, (Descanso) 18-14, 20-16, 22-19, 23-22, 27-26, 28-30 (Final).
Primeiro tempo: 1-0 (Macho/ de 7 m), 2-0 (Macho), 2-1 (Jesús), 3-1 (Rubio), 3-2 (Pablo), 4-2 (Macho/ de 7 m), 4-3 (Pablo/ de 7m), 5-3 (Rubio), 5-4 (Alberto), 6-4 (Rubio), 6-5 (Alberto), 6-6 (Christophe), 6-7 (Pablo), 7-7 (Macho), 7-8 (Jesús), 8-8 (Pirri), 9-8 (Sergio), 10-8 (Macho), 11-8 (Mere), 11-9 (Pablo/ de 7m), 11-10 (Ángel), 12-10 (Rubio), 13-10 (Diego), 13-11 (Pablo), 14-11 (Santoyo), 15-11 (Macho).
Segundo tempo: 15-12 (Alberto), 16-12 (Macho/ de 7m), 16-13 (Pablo/ de 7m), 17-13 (Diego), 17-14 (Pablo/ de 7m), 18-14 (Pirri/ de 7m), 19-14 (Pirri/ de 7m), 19-15 (Pablo), 19-16 (Cuco), 20-16 (Macho/ de 7m), 20-17 (Alberto), 21-17 (Pirri), 21-18 (Iván), 22-18 (Santoyo), 22-19 (Cuco), 22-20 (Iván), 22-21 (Cuco), 22-22 (Iván), 23-22 (Pirri), 24-22 (Diego), 24-23 (Alberto), 25-23 (Macho), 25-24 (Alberto), 25-25 (Alberto), 26-25 (Rubio), 27-25 (Rubio), 27-26 (Pablo), 27-27 (Cuco), 27-28 (Pablo/ de 7m), 28-28 (Pirri), 28-29 (Pablo), Chimpo (28-30).
7 Metros: R.G.C. Covadonga: 7 / 6 /// Calvo Xiria: 6 / 5
Partido correspondente á duodécima xornada de Liga de Primeira División Estatal disputado, en horario matinal e con escasa afluencia de público, no Pavillón “Braulio García” de Xixón. Con moitos máis atrancos dos previstos, o Calvo Xiria conseguiu superar nos intres finais ao equipo local do R.G.C. Covadonga e acabou gañando por 28-30. Os homes de Marcos Rodríguez acusaron o tremendo esforzo realizado no recente enfrontamento co OAR Coruña e a piques estiveron de permitir dar a sorpresa do día ao pechacancelas da clasificación.

Comezaron os dous equipos fallando moito en ataque. O porteiro dos locais, o arxentino Emilio Pérez, acertou a deter un lanzamento de sete metros e tamén desde os sete metros anotou o Grupo o primeiro gol do partido que por moi pouco marxe entrou no cómputo inicial dos parciais que se fan cada cinco minutos. A defensa 3/3 que empregaron os asturianos durante case todo o partido parecía desorientar aos xogadores carballeses que chegaron ao minuto doce con dous goles de desvantaxe (6-4). O posterior ataque e unha parada de Kike permitíronlle ao Calvo Xiria igualar a contenda (6-6). Aínda que o meta Emilio logrou abortar un clarísimo contraataque, na seguinte xogada os de Carballo conseguen poñerse por diante. Foi unha vantaxe fugaz que enseguida se esfumou xa que ambas as dúas escuadras chegaron empatadas ao minuto dez e oito (8-8). A falta de control nas seguintes accións ofensivas (unha falta por pasos, dous pases cortados e un lanzamento detido polo porteiro rival) obrigaron a pedir un time-out ao técnico Marcos Rodríguez cando os asturianos xa mandaban no taboleiro de marcas por 11-8. O Xiria conseguiu colocarse a un gol no minuto vintecatro (11-10), pero a precipitación e as ansias de remontar provocaron novos fallos cun descalabro total no ataque que lle permitiu aos grupistas asinar un parcial de 4-1 e chegar ao descanso mandando por 15-11.

Con esta situación tan preocupante e saque de centro para os de Xixón comezou o segundo acto. O Xiria rouba o balón e Alberto, que ata ese momento non andaba nada fino e case non xogara no primeiro tempo, materializa o contraataque; pero lonxe de reaccionar, o Xiria non dá unha no cravo e os locais conseguen escaparse. Así as cousas, no minuto trinta e seis o luminoso rexistraba un 19-14 que supoñía a máxima diferenza do encontro. O cronómetro voaba e o Xiria ata nin tampouco sorte tiña, estrelando dous ataques consecutivos contra a madeira. Nos seguintes minutos os asturianos, posiblemente debido á falta de osixeno de Rubio, Macho e Pirri, os seus homes máis determinantes, pasan por unha pequena crise e no ecuador desta segunda parte xa só gañan de tres (22-19). Kike releva a Iago que saíra despois do descanso e Marcos ordena unha mixta sobre Sergio, o catalizador do xogo do Grupo. O Xiria, por fin, parece espertar e consegue aumentar a mobilidade e a rapidez nas xogadas; así cun gol de Cuco e dous de Iván chégase ao minuto corenta e seis con empate a 22. Máis o partido non era para cardíacos e aínda desta vez tampouco se consuma a remontada. Os locais escápanse outras dúas veces: 25-23, o Xiria empata e nova vantaxe do Grupo por 27-25 no minuto cincuenta e catro. A fortuna que ata ese momento estaba sendo esquiva, chega no derradeiro tramo. O seu pivote, Pirri, falla un lanzamento de sete metros e os carballeses non perdoan conseguindo empatar no minuto cincuenta e seis. Un novo disparo errado polo Covadonga volve a proporcionar outro balón de ouro que os visitantes aproveitan para adiantarse despois de forzar un castigo de sete metros. Faltando tres minutos igualan os anfitrións pero a partir de aquí Kike pasa o fecho á portería e no último suspiro Pablo e Chimpo establecen o definitivo 28-30.