RASOEIRO BM 33 – CALVO XIRIA 32
03/11/2007 RASOEIRO BM 33 – CALVO XIRIA 32 Rasoeiro Bm (15+18) 33: Solla, García, Omar (7), Sapo (5), Perro (7), Juanjo (6) e Luis -equipo inicial – Dani, Jaime, Borja…
03/11/2007 RASOEIRO BM 33 – CALVO XIRIA 32
Rasoeiro Bm (15+18) 33: Solla, García, Omar (7), Sapo (5), Perro (7), Juanjo (6) e Luis -equipo inicial – Dani, Jaime, Borja (6) e Alexio (2).
Calvo Xiria (15+17) 32: Iago, Cristophe (2), Cuco (5), Roberto (4), Pablo (7), Bruno (6) e Dubra (2) -equipo inicial- Guillín, Sebastián (2), Pombo (1), Alex (1), Jesús (2) e Manuel.
Árbitros: Fernando Eiras e Iago García. Moi mal. Arbitraxe, en moitos casos, incomprensible, con exclusións moi rigorosas e un criterio pouco definido.
O Calvo Xiria sumou a súa cuarta derrota da temporada (terceira a domicilio) no partido que lle enfrontou ó Rasoeiro en O Grove. Volveu suspender o conxunto de Marcos Rodríguez a súa asignatura pendente, cunha dolorosa derrota que deixa con moi poucas opcións ós carballeses de loitar polas primeiras prazas da clasificación. De feito, o obxectivo prioritario será, a partir de agora, loitar por eludir canto antes os postos perigosos da clasificación.
Tras un intercambio de goles inicial, o Calvo Xiria comezou a coller rendas de dous e tres goles, mediada a primeira parte, que facían presaxiar unha vitoria dos visitantes. Sen problemas en ataque, o equipo de Marcos Rodríguez mandaba con comodidade no marcador cun xogo rápido (aínda que ás veces impreciso), comandado por un pletórico Cuco. Os problemas estaban en defensa, xa que o Rasoeiro conseguía manterse no partido con xogadas previsibles e contraataques que o Xiria podería ter evitado. Os carballeses mandaban por tres goles no minuto 20 (10-13), pero unha serie de exclusións consecutivas para os xogadores visitantes permitían o Rasoeiro darlle a volta ao marcador e, cun parcial de 5-0, pasar a dominar o partido (15-13). Boa parte de culpa na remontada tivérona os colexiados do partido, Fernando Eiras e Iago García, que castigaron ao Calvo Xiria con rigorosísimas exclusións nese tramo de partido. Un feito que non debe servir de escusa para xustificar a derrota, xa que o Calvo Xiria non foi quen de impoñer o seu xogo na segunda parte e, sobre todo, frear o ataque dos locais. Dous goles nos últimos minutos da primeira parte, a favor dos carballeses, deixaban o marcador en empate e todo por decidir para a reanudación.
O Rasoeiro soubo xogar mellor as súas bazas na segunda parte e pronto comezou a sorprender a un Xiria demasiado pendente dos árbitros. Varios xogadores desquiciábanse, unha e outra vez, coa mala arbitraxe e as rigorosas exclusións que seguían a padecer os carballeses. Aínda que non fora doado, deberían os visitantes tentar evadirse desa situación e volver a centrarse no xogo, xa que o Rasoeiro era quen de aproveitarse do baixo rendemento visitante para ir collendo unha vantaxe que chegou a ser de cinco goles no minuto 20 (27-22). Marcos Rodríguez variou a defensa a 5-1 e, xa nos últimos minutos, a unha individual a toda pista que propiciou a reacción do Calvo Xiria. A falta de tres minutos e medio, e cun marcador de 31-27 a favor dos locais, ninguén daba un peso polos carballeses. Foi aí cando o Xiria tirou de orgullo e conseguiu empatar o partido (32-32) a falta de pouco menos dun minuto. O Rasoeiro acertou no seu último ataque e Bruno, coa posición xa ganada no estremo, deixou escapar a oportunidade de empatar o partido ao escorrérselle o balón das mans no momento da recepción. Mala sorte para o carballés, que cos seus goles e a porcentaxe de acerto que amosou na segunda metade permitiu que o Calvo Xiria chegara ao final con opcións. Ademais de Bruno e Cuco, destacou Iago na portería, con intervencións destacadas que axudaron tamén á reacción dos visitantes. No plano negativo, Cuco ensombreceu o seu bo partido cun cartón vermello directo, que pode acarrear suspensión para a vindeira cita dos carballeses.
Pese a padecer unha mala arbitraxe, o Calvo Xiria non se pode escudar nesa circunstancia e deberá mellorar moitos aspectos do seu xogo, como os moitísimos erros no lanzamento en posicións francas ou o feito de recibir 33 goles.