Repartición de puntos entre o Garaysa Xiria e o Luceros
Penúltima xornada da primeira volta da división de honra infantil masculina; a cal enfrontaba ao Garaysa Xiria contra o Luceros de Cangas. Desde o inicio do partido prevíase un encontro…

Penúltima xornada da primeira volta da división de honra infantil masculina; a cal enfrontaba ao Garaysa Xiria contra o Luceros de Cangas.
Desde o inicio do partido prevíase un encontro igualado. Os visitantes cargaban o seu xogo sobre o pivote e continuos desdobramentos para enfrontarse nun contra un sobre os avanzados da defensa 3:3 ben exposta polos carballeses; mentres na parcela defensiva xogarían un 5:1 moi pechado en zona centro onde se atascaba unha e outra vez o ataque do Garaysa.
Máis cómodo nesta primeira parte o Luceros, levando o ritmo de partido que máis lle interesaba e facendo dano nos 6 metros con demasiados penaltis a favor grazas ao seu pivote que si se pitaron nunha área e na outra non parecían existir. Unha serie de balóns roubados lograba manter no partido ao Garaysa; chegando ao descanso 10 a 12.
Tras o paso por vestiarios, os locais querían reverter a situación, e cunha defensa máis presionante poríanse por diante no marcador. A falta de 5 minutos para o final gañaban de 3 goles, pero o Luceros non ía dicir a súa última palabra e aproveitaba a precipitación con ataques moi curtos e lanzamentos en situacións desfavorables para empatar o partido.
Así a falta de 4 segundos o Garaysa Xiria sacaba de centro, onde Mario Cancela alzábase protagonista collendo o balón; pero 3 xogadores dos Luceros botáronselle encima agarrándoo como puideron. A acción acabou en golpe franco a favor local e 2 minutos para o xogador de Cangas que ben sería algo máis coa norma actual. Co tempo acabado Mario lanzaría unha falta con barreira que se marcharía por milímetros moi preto do poste.
Na seguinte xornada o Garaysa Xiria viaxa até Pontevedra para enfrontarse ao S.D. Teucro.
Incidencias: Partido disputado no pavillón municipal de Coristanco cun centenar de seareiros de ambos os conxuntos. Colexiado: Ángel Villar Corrales do colexio galego. Castigou con exclusión polo Garaysa Xiria a Aaron Rodríguez, namentres polo Luceros foi sancionado Alejandro Martínez. 7 metros Garaysa Xiria 1//2 Luceiros 7//7.
Marcador cada 5 minutos: 2-3, 4-3, 5-5, 7-7, 10-12, descanso, 15-13, 16-15, 18-16, 22-19, 24-24.
GARAYSA XIRIA 24 ( 10 + 14 ): Pedro Pena [p], Darío Calviño [p], Aarón Rodríguez (3), Carlos Varela, Mario Cancela (3), Daniel Mallo (2), Fernando Mallo (8), Juan Pereira (3), Diego Antelo (2), Julián García (2), Javier Rodríguez, Antonio Calvelo (1), Pablo Esmoris.
GRUPO SALCO LUCEROS 24 ( 12 + 12 ): David Rocha, Alejandro Martínez, José Cerqueira, Manuel Costas, Javier Freire, Xosé Paz, Sergio Fontan, Eloy González, Rubén Augusto, Iván Taboas, Manuel Pérez, Gael Blanco, Alberto Colinas, Miguel Hermello.


