S.D. OCTAVIO VIGO 33 – GARAYSA XIRIA 33

S.D. Octavio – 33 (14+19): Ricardo, Enrique, Daniel (9), Borja, Adrián (5), Álvaro (5), Víctor, Andrés (3), Mikel (6), Iago (4), Óscar, Manuel (1), Fernán, Miguel.

Garaysa Xiria – 33 (16+17): Jorge, Buño, Jose, Borja, Daniel García (2), Gabriel, Iván Campos (7), Raúl (1), Diego (3), Lolo (5), Pereira, Alejandro, Enrique (15)

Colexiado: Jesús Pedrido.

O Garaysa Xiria enfrontábase a súa visita máis complicada desta segunda volta, viaxaba a Vigo para enfrontarse ao S.D. Octavio, primeiro clasificado e un dos equipos cun plantel máis completo.

O encontro comezaba bastante costa arriba para o Xiria, un xogo moi deslabazado en ataque, con pouca orde, facía imposible plantarlle cara a un rival como o Octavio, por moi ben que estiveras en defensa. Tras un tempo morto solicitado no minuto 10, cunha vantaxe de 7 goles para os locais, o Garaysa foi quen de reaccionar, o ataque comezou a fluír e as opcións de contraataque do Octavio eran mínimas, a defensa posicional mantiña unha boa intensidade e bastaron uns minutos de dúbidas no ataque local para darlle a volta ao marcador. A vantaxe agora era para o Xiria que chegou ao descanso gañando de 2.

Tras o inicio da segunda metade o encontro volveuse moi igualado. Houbo alternativas no marcador para ambos equipos, ata que, nun baixón do Xiria, o Octavio volveu a distanciarse no marcador. Pero esta vez non fixo falta un tempo morto para que o equipo reaccionase, volveu a coller folgos e cun Enrique máis que inspirado (15 goles) logrou empatar o encontro a falta de 5 ou 6 segundos. Nese tempo aínda dispuxo o equipo local dun lanzamento de golpe franco, co crono rematado, que rematou nas mans de Buño, que tamén fixo unha magnífica aportación baixo os paus.

Empate con sabor agridoce nun fermoso partido xogado contra un gran rival e cunha gran árbitraxe. Encontro vibrante dos que deixan pegada nos xogadores e no público asistente.