S.D. TEUCRO 14 – IFECGÁS PEREIRA XIRIA 17

XORNADA 2

13/10/2012

S.D. Teucro: 14 (9+5): Gonzalo, Pombo (1), Rubén (1), Miguel (4), Santi (2), Rodrigo (2), Carlos (3) -equipo inicial- David, Tilve, Marcos (1), Castiñeira, Jacobo, Tomás, José.

Ifecgás Pereira Xiria: 17 (8+9): Zúpez, Edu, Martín (2), Javi (2), Jorge (4), Alberto (2), Rubén Gómez (2) -equipo inicial- Anes (2), Calvete (2), Julián (1), Óscar, José, Buño, Fidi

Colexiados: Marcos Pérez e David Dozo.

Despois do tropezo da primeira xornada fronte un dos equipos potentes da liga, o Academia Octavio, o Ifecgás Pereira non podía permitirse outro traspés se non desexaba alonxarse dos primeiros postos ás primeiras de cambio. O rival non era o máis idóneo, xa que o Teucro é outro de eses rivais chamados a loitar polo título final.

O encontro foi estraño e pouco vistoso, dominado polas imprecisións dos dous conxuntos e os erros non forzados, que levaron ao partido a navegar por guarismos certamente baixos. As defensas impuxéronse de forma incontestable aos ataques e os porteiros sacaron o seu protagonismo por enriba dos xogadores de campo. O resultado do descanso (9-8) reflectía perfectamente o tosco e feo que fora o envite nesta primeira parte.

Na reanudación, máis do mesmo. Os equipos non encontraban no día de hoxe boas sensacións e os erros de pase e de lanzamentos sinxelos seguían a sucederse polos dous bandos. A maior intensidade defensiva dos de Carballo fixo posible que estes entraran no tramo final do encontro cunha cómoda vantaxe que chegou a ser de ata cinco goles, xa definitivos para como se estaba a desenvolver o mesmo. En definitiva, importantísima vitoria a domicilio que da de novo ilusión aos de Xiria para seguir a traballar na procura do seu mellor tono e con ansia de afrontar o próximo partido.

A próxima fin de semana, o domingo, ás 12.15 h, o Ifecgás Pereira Xiria enfrontarase no Vila de Noia carballés ao Bm. Porriño, equipo que, de momento, ocupa o último posto da táboa clasificatoria con cero puntos no seu casilleiro.