Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

S.D. TEUCRO COVER 32 – GARAYSA XIRIA 25

S.D. Teucro Cover: 32 (16+16): Rey, Schipper, Pérez (7), Ardao, Sánchez (4), Rivas (5), Piñeiro (4), Gómez, Altiriba (9), Fernández, López (2), Lorenzo(1). Garaysa Xiria: 25 (12+13): Manuel, Arnejo (1),…

S.D. Teucro Cover: 32 (16+16): Rey, Schipper, Pérez (7), Ardao, Sánchez (4), Rivas (5), Piñeiro (4), Gómez, Altiriba (9), Fernández, López (2), Lorenzo(1).

Garaysa Xiria: 25 (12+13): Manuel, Arnejo (1), Carlos (1), Gabriel (7), Álex, Eiroa (3), Borja R. (1), Pereira (5), Juanca (5), Pablo (2), Souto.

O Garaysa Xiria afrontaba, quizás, o encontro máis complicado dos que restan para rematar a Liga, e o que sería tamén a súa derradeira viaxe lonxe da provincia da Coruña. Visitaba a cancha do líder, que con dúas únicas derrotas, as dúas coma visitante, lidera a táboa clasificatoria. O Garaysa chegaba coa única baixa de Iván Calvo que non puido viaxar por problemas de saúde.

O encontro comezou cun Xiria falto de ideas en ataque fronte á muralla teucrista, que en tarefas ofensivas tampouco perdoaba a mínima opción. Con este panorama, aínda non correra o minuto 10 de partido e os locais mandaban 6-1 no marcador. Tras un tempo morto do Garaysa o equipo reaccionou e xogando con máis continuidade e intención en ataque lograba colocarse a tan só 2 goles do Teucro.

Os carballeses defendían cunha intensidade moi alta, pero en ataque custáballes moito traballo atopar boas ocasións de lanzamento, isto, unido á mala fortuna que acompañou aos extremos do Garaysa traduciuse nuns 10 lanzamentos lanzados fóra só na primeira metade. Con este balance era complicado ir por diante, pero pese a todo o partido seguía aberto ao descanso e as sensacións eran boas.

A segunda metade seguiu o decorrer da primeira. A defensa do Garaysa estaba a traballar a reo e houbo momentos nos que o Teucro estaba atascado en ataque, sen moitas ideas e caendo en continuas perdas de balón, pero moitas de esas recuperacións preto do medio campo non sempre remataban en gol, como soe ser habitual, o Teucro facía un balance moi rápido e o Xiria andaba impreciso, quizais polo cansancio acumulado no traballo defensivo.

O encontro remataba 32-25 a prol dos locais, nun partido no que o Garaysa mereceu quizais algo máis de sorte logo de todo o esforzo realizado. De todos os xeitos, felicitacións polo espírito de loita amosado durante os 50 minutos dun partido no que foron todo o tempo por debaixo no marcador. De seguir así poucos puntos máis vanse escapar.