Sábado de Balonmán

Sábado de Balonmán

Disputa Escolas Balonmán Xiria todos os partidos de competición oficial desta fin de semana en sábado.
O Calvo Xiria desprázase a Vigo para enfrontarse ao Carballal na 28ª xornada da 1ª Estatal, co claro obxectivo de acadar dous puntos en liza. Si manteñen os carballeses o nivel dos primeiros trinta minutos da pasada xornada terán bastantes opcións de traer os puntos para a casa e seguir na loita ca SAR de Redondela polo quinto posto da táboa clasificatoria. Sen máis baixa que Ramón por motivos laborais, a convocatoria será a habitual agás Iván Campos que non será da partida pensando no Campionato de España que disputan o equipo xuvenil verdibranco en sete días.

O Goldie Xiria ás 20:00 no Vila de Noia comeza a disputa da Copa Federación, recibindo a visita do Campus Auria de Ourense. O equipo carballés quedou encadrado no Grupo III da competición, xunto co rival deste sábado, o Balonmán Ferrolterra e Pabellón Ourense. Logo de dúas semanas sen competición e dun gran partido no derradeiro encontro coa vitoria sobre o Balonmán Cangas, o Goldie Xiria afronta con moito ánimo o poder clasificarse por primeira vez para semifinais de Copa, polo que non poderá fallar este sábado.

Os equipos da DH continúan inmersos na Copa Federación, 3ª xornada desta competición que terá como escenario o Vila de Noia. Cadetes e xuvenís a xornada cun derbi fronte o Ártabro da Coruña. Ás 10:00 Grupo Lemaco tentará seguir invictos neste torneo e poder seguir aspirando deste xeito a disputar a final, tal e como xa ocorrera o ano pasado. E ás 11:30 o Laber Xiria, a nove días de disputar a fase do campionato de España, desexa completar un partido sobresaínte e deste xeito, chegar con boas sensacións a cita nacional. Rematará a xornada, ás 12:45, o Garaysa Xiria, que se medirá ao Rasoeiro de O Grove na 3ª xornada da Copa Federación. Os infantís tentarán sumar os seus primeiros puntos nesta competición e para elo terán que mellorar a defensa e non encaixar tantos goles coma nos últimos encontros.

Na competición territorial so se disputa un partido, será na categoría benxamín ás 10:30 no Pavillón do CEIP Fogar. Laber Xiria e Grupo Lemaco Xiria mediranse nun duelo carballés que de seguro deparará intensidade e emoción na procura dos puntos en xogo.