SD TEUCRO 27 – PROCASA XIRIA 25

SD Teucro: 27 (15+13): Carmelo, Marcos (3), Rodrigo (1), Jose C. (7), Carlos (6), Miguel (2), Manuel, Santiago (4), Tomás, Miguel A., David C. (1), Jacobo (1), David T. (3), Andrés

Procasa Xiria: 25 (15+10): Martín, Luís García (3), Calvete (3), Mario (1), Jose A., Rubén (3), Daniel (p.s.), Ricardo (7), Luís Iglesias.

Colexiados: Marcos Pérez

O Procasa Xiria disputaba a 9ª xornada da fase polo título na 2ª División Cadete enfrontándose, a domicilio, ao Teucro, segundo clasificado a un punto do Rasoeiro e un dos favoritos para facerse co título. O Xiria chegaba como 5º clasificado perseguindo de preto ao Tirso, 4º.

O partido presentábase duro, debido ao potencial do equipo rival e ás importantes baixas coas que contaba o equipo para este encontro, xa que tan só puideron viaxar 10 xogadores, 2 porteiros e 8 xogadores de campo o que significaba contar con tan só 2 únicos trocos. E o desgaste físico rematou pasando factura, nun partido no que, dende o primeiro minuto, o Teucro ía a ensinar as súas mellores armas, roubo de balón e contraataque directo, aproveitando as dúbidas e os despistes rivais. Tardou uns minutos o Xiria en meterse no encontro, pero así que o fixo non lle custou volver a igualar un marcador no que ía perdendo por ata 5 goles, baseándose nunha forte defensa e volvendo ao seu xogo de sempre en ataque, largas continuidades e traxectorias amplas. Luís Garcia deixou máis claro, se cabe, a súa polivalencia e capacidade de adaptación, asumiu con gran naturalidade o posto de central e ata marcou goles de gran factura dende longa distancia.

A primeira metade remataba con empate e nela púidose ver unha gran igualdade entre ambos equipos, o que facía pensar nunha segunda parte moi disputada. E así foi, o Xiria quería dar un golpe na mesa gañando como visitante ao líder virtual da liga; arrincou a segunda metade moi enchufado e meténdolle o medo no corpo a un Teucro ao que, por momentos, facíaselle imposible furar a portería do Xiria, defendida con gran acerto por Martín, quen brillou neste encontro. Co paso dos minutos o Xiria ía collendo vantaxe no marcador, ata os 4 goles, pero o Teucro cambiou a súa defensa avanzada a 6-0 e o ataque do Xiria comezáballe a custar moito máis facer goles. Pero pouco a pouco e movendo o balón con paciencia ía atopando ocos e ía mantendo a diferencia co Teucro.

Os últimos minutos do partido foron catastróficos, o equipo comezou a cometer erros en accións básicas por mor do cansazo ou da relaxación, todo un pouco; pero de repente o Teucro enganchou varias accións culminadas con goles fáciles e claros e veuse arriba, apretou en defensa e o Xiria non foi quen de reaccionar. Os de Pontevedra endosáronlle un parcial de 8-2 que condenaba aos de Carballo a outra dolorosa derrota nos últimos minutos. Pero aínda son xente nova e teñen moito tempo por diante, pero compre que se afagan canto antes a eses momentos de alto estres competitivo no que se deciden os partidos, cando consigan controlalo terán dado un paso importante como xogadores.

Neste partido estreábase Daniel como porteiro do Xiria, benvido e moita sorte no que resta de liga a ti e os teus compañeiros.