Sufrida vitoria do Calvo Xiria
Comezou o partido mandando o Luceros no marcador, chegando a poñerse 3-0, grazas ás paradas de Eduardo e á velocidade de balón no ataque. Non era, nin de lonxe o…

Comezou o partido mandando o Luceros no marcador, chegando a poñerse 3-0, grazas ás paradas de Eduardo e á velocidade de balón no ataque. Non era, nin de lonxe o panorama que desexaban os carballeses. Mais non tivo moito que ver o equipo que xogou hoxe en Cangas co de hai oito días en Bueu. Agarráronse os carballeses ás súas mellores armas para non verse máis abaixo no partido, e cunha defensa cada vez máis anticipativa xunto ao traballo en portería, deulle a volta ao marcador. O ataque posicional non era tan fluído coma é habitual nos verdinegros e a presión da necesidade dos puntos notábase en cada acción, ante uns extraordinariamente motivados xogadores locais. Foron as defensas moi superiores aos ataques no primeiro acto dun partido moi igualado, chegando o tempo de lecer cun parcial de 10-10.
Saíu moito mellor o Calvo Xiria no segundo tempo, con ideas frescas e máis resolución en ataque, aos dez minutos levaba un +4 que lle daba aire. Pero os xogadores cangueses loitaron por facerse cos puntos con total decisión e se achegaron a dous goles a falla de dez minutos. Un novo estirón do Xiria facía que o electrónica sinalase un 21-25 que semellaba definitivo a falla de cinco minutos. Mais non era o día para gañar sen sufrimento, e un par de erros consecutivos puxeron aos locais a un so gol cando quedaban 40 segundos. Logo dun tempo morto o gol de Brais sentenciou un encontro que de seguro enche de moral aos carballeses para o próximo partido. Será o 02 de Abril no Vila de Noia ante o Chapela, nun partido no que se xoga o liderado. Antes terá o Calvo Xiria unha semana de parón que lle virá de marabilla para recuperar forzas.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal do Gatañal con preto de 250 seareiros nas bancadas, entre os que se deixaron notar, e de que maneira, uns 75 carballeses. Colexiados: José Iniesta Castillo e Miguel Soria Fabián, do colexio valenciano, sen complicacións. Castigaron con exclusión polo Luceros a Santiago Gallego (7´, 11´, 41´), Ángel Rodríguez (48´) namentres polo Calvo Xiria foron sancionados Ramón Suárez-Pumariega (17), Carlos Vilanova (55´). 7 metros: Luceros 3//3 Calvo Xiria 5//6. Marcador cada 5 minutos: 2-0, 3-2, 4-4, 5-6, 7-8, 10-10, descanso, 11-13, 12-16, 14-19, 18-21, 21-25, 27-28.
LUCEROS 27 (10+17): Eduardo Salazar [p], Anxo Dopazo [p], Adrián Menduiña (11), Santiago Gallego, David Barreiro (1), André Fandiño, Joel Fontenla (5), Mauro Pereira, Ángel Rodríguez (1), Antonio Pousa, David Veloso (3), José Camiña (1), Pablo Castro (4), Hugo Rodríguez (1).
CALVO XIRIA 28 (10+18): Martín Gómez [p], Alejandro Naya, [p], Alejandro Calvete (1), Brais Puñal (2), Manuel Méndez (5), Sergio Facal (2), Uxío Batán (2), Martín Alfeirán (4), Gonzalo Pombo (7), Ramón Suárez–Pumariega, Jorge Bouzas (3), Mario García de Seárez, Carlos Vilanova (2).