O equipo xuvenil de E.BM.Xiria, amosouse moi superior a un favorito da categoría como é o Academia Octavio vigués e fíxoo de principio a fin, superando os olívicos en todas as facetas do xogo.
Dende o inicio do envite, os xogadores carballeses imprimiron ao choque un ritmo frenético e un primeiro parcial de 3-0, era presaxio do que ía acontecer posteriormente. As rotacións daban o seu efecto e todos os xogadores, os que iniciaron a contenda e os que saíron dende o banco, cumprían un papel sobresaínte na mañá de hoxe. Cunha forte defensa, a velocidade ao contragolpe e o dinamismo e rigor táctico no posicional como señas de identidade, os verdibrancos marchaban ao descanso cunha diferenza considerable (18-11).
Na reanudación, 15 minutos de baixón de intensidade onde a defensa deixa de contactar cos lanzadores visitantes e onde os ataques estáticos, provocan diversos erros, fan posible que o Academia Octavio se achegue ata os cinco goles de diferenza e se metan de novo no partido. O susto, quedouse tan só niso, xa que o conxunto de Carballo, non tardou nin cinco minutos en tomar de novo o mando e o ritmo do encontro, suficiente para poñer de novo terra de por medio en tan pouco tempo e gozar dun final de partido sen apuros.
O amplo resultado e as boas sensacións no xogo contra un gran equipo como o Octavio, fan que as ilusións para esta tempada se renoven e se espere o mellor deste conxunto xuvenil.
Partido da primeira xornada da liga xuvenil de División de Honra. Ao rededor de 50 espectadores no Vila de Noia.
Árbitros: Andrés Tejo e Micael Martínez. Non influiron no resultado final.
E.BM Xiria (18+19): Daniel Buño, Enrique Pena (3), Gabriel Castiñeiras (2), Iván Campos (12), Diego Gago, Borja Rodríguez (3), Daniel García (5) – equipo inicial- Damián (11), Borja González, Manuel Rial, José Pereira (1), Andrés Barca, Alex Figueroa.
Academia Octavio (11+15): Daniel, Figueirido (6), Beiro (5), Diego (3), Costa (3), Castiñeira (2), De Moura (2) – equipo inicial – Alcántara, Guimeráns, David, Trigo, Rollón, Cabaleiro (5).