SUSO FERNÁNDEZ RIBEIRO 30 – CALVO XIRIA 35

17/11/2007 SUSO FERNÁNDEZ RIBEIRO 30 – CALVO XIRIA 35
Suso Fernández Ribeiro (15+15) 30: Carrera, Javi (6), Quique, Iván (4), Juan (11), Rogelio (1) e Quinín (1) -equipo inicial – Arturo, Rafa (2), Brais, Carlos (2), Nano (3) e Fidel.

Calvo Xiria (17+18) 35: Iago, Chimpo (4), Alex (1), Roberto (1), Pablo (5), Bruno (3) e Dubra (5) -equipo inicial- Quique, Fernando Vázquez (4), Cristophe (1), Sebastián (11), Pombo, Jesús e Manuel.

Árbitros: Pablo León e Inocencio Pérez. Correctos.

O Calvo Xiria sumou a súa primeira victoria a domicilio da temporada fronte o Suso Fernández Ribeiro, un resultado que permite ao equipo de Marcos Rodríguez desmarcarse da zona complicada da clasificación. O partido decidiuse nos últimos minutos, onde o Calvo Xiria soubo manter a cabeza fría e aproveitarse do nerviosismo dos locais, que provocaron tres exclusións consecutivas que lle puxeron a vitoria en bandexa aos de Carballo.

Comezou o encontro con susto para o Calvo Xiria, xa que os poucos minutos Roberto tiña que retirarse da pista cun forte golpe na cabeza. O xogador verdibranco non era quen de manterse en pé, mareábase e vía borroso, polo que no descanso era evacuado en ambulancia ao hospital de Ourense. Alí realizábanselle diferentes probas e, por fortuna, estas descartaban unha lesión. O xogador foi dado de alta e puido pasar a noite na súa casa en Lalín. Roberto, quen deberá gardar repouso, podería causar baixa para o partido contra o Camariñas.

No aspecto deportivo, o partido entre Calvo Xiria e Suso Fernández Ribeiro foi moi igualado. Ambos equipos alternaron no dominio do choque, con constantes cambios de marcador favorable para uns e outros. O conxunto de Ribadavia mandaba por un tanto no ecuador da primeira parte (8-7), momento no que Marcos decidiu dar entrada a Sebastián en substitución de Pablo no centro do ataque carballés. O arxentino comezaba a cuaxar a súa mellor actuación dende que chegou a Carballo e, con catro goles case consecutivos, facía que o Calvo Xiria pasara a xogar con rendas de dous e tres goles até o descanso (15-17).

Tras o intermedio, repetiuse a historia e o conxunto local foi quen de neutralizar a vantaxe visitante e igualar un partido que estaba abocado a un final de infarto. As frouxas defensas de ambos conxuntos permitían ataques rápidos e fluídos e ninguén era capaz de marcharse cunha vantaxe superior aos dous goles. Sebastián e Bruno, en estático, e Dubra en contraataque, mantiñan o Calvo Xiria con opcións de vitoria até chegar á recta final do partido. No bando local, Juan e Javi acaparaban as accións de ataque para chegar tamén con opcións de victoria. E nos últimos tres minutos decidiuse todo. O Calvo Xiria, que gañaba pola mínima (30-31), vía como unha exclusión do local Javi lle otourgaba unha clara vantaxe para afrontar o tramo final do encontro. Pero é que, a esta exclusión, sucedeulle outra do porteiro Arturo, que foi protestar unha acción aos colexiados, cando estes se atopaban na metade de pista do Calvo Xiria. Fraco favor o que facía o cancerbeiro aos seus, nun momento tan delicado do choque. E por se fóra pouco, Iván vía o cartón vermello directo tras trabar a Alex en carreira cando este se ía so en contraataque. Con tal superioridade numérica, o Calvo Xiria non tivo problema para levarse o partido e selar a súa primeira vitoria como visitante na liga. No plano negativo, o conxunto carballés volveu dar moitas facilidades en defensa, como amosa o marcador final, e deberá corrixir esa situación se quere chegar a dar caza aos equipos punteiros da táboa clasificatoria. O máis positivo, sen dúbida, a aportación en ataque de Sebastián, quen cos seus 11 goles foi determinante na vitoria do Calvo Xiria.