O Laber Xiria xuvenil iniciaba hoxe a súa participación no Torneo Intenacional Facho De Hercules. Despois de tres semanas de dura pretemporada e carga de traballo, os de Carballo afrontaban os seus primeiros encontros contra dous duros rivais: a Academia Octavio de Vigo e o Juanfersa Xixón de Asturias.
O obxectivo principal era seguir coa preparación cara ao comezo de liga dentro de dúas semanas e pór de manifesto o traballo defensivo e o contragolpe, principais aspectos adestrados até agora, Os verdinegros non defraudaron e cun inicio fulgurante contra o Octavio (6-0), puñan de manifesto o que ía acontecer durante esta tarde de Venres.
Os bergantiñáns permaneceron sempre por diante no marcador con distancias cómodas e só no segundo tempo, cando uns minutos espesos en ataque deron opcións aos olívicos, puxeron incerteza sobre o resultado final (12-11). En apenas un minuto os de Xiria volveron pór terra polo medio alcanzando os tres goles, de diferenza, distancia que se mantería até o final (19-16).
Tan só unha hora despois, o Laber Xiria saltaba á pista do Barrio Das Flores para enfrontarse ao Juanfersa Xixón. Nesta ocasión o nivel defensivo aínda foi máis alto, minimizando a un conxunto, o asturiano, que conta cun bo cadro de persoal e interesantes xogadores. Un incontestable 4-13 ao descanso deixaba o envite visto para sentenza e unha segunda parte de xogo control dos carballeses reafirmábao ao termino do encontro cun resultado final de 12-21.
Así pois, os xuvenís do Laber Xiria, contando os seus partidos por vitorias na xornada inaugural do torneo, sitúanse con moitas pòsibilidades para disputar a final, claro que antes terán que imporse este Sábado ao tremendo potencial de Bueu e ás dificultades que lles expoña o Grupo Astur. Os dous partidos disputaranse no pavillón Novo Mesoiro, o primeiro ás 10:30 contra os de Bueu e o segundo ás 14:30 contra os asturianos.
Destacar por tanto o notable nivel defensivo, o excelente estado físico e o debut do xogador de Santa Comba Kevin.


