Os xuvenís de Escolas Balonmán Xira enfrontábanse no primeiro partido desta xornada ao todo poderoso Bueu, un equipo que nesta xeración dominou de forma incontestable no panorama autonómico galego. A mañá non podía comezar mellor, xa que os carballeses, apoiados na sua ferrea defensa e utilizando a arma do contragolpe, erixíanse en claros dominadores do primeiro acto. Unha primeira parte impecable marcaba unha diferenza moi interesante para os verdinegros, que seguían loitando por achegarse cada vez máis á final do torneo (8-12).
Foi no segundo acto cando o partido igualouse, propiciado polo bo facer dos de Bueu e polo baixón físico dos de Xiria, cun partido máis co seu rival en poucas horas. O duelo tornouse vibrante entre dous bos conxuntos, loitando de poder a poder polo triunfo que lles puxese pé e medio na final. No último suspiro, con tres segundos para o asubío final, Juanka conseguía a igualada apoiado pola fortuna e deixaba un empate no marcador que lle daba opcións aos dous equipos de terminar no máis alto a xornada deste Sábado.
Foi no segundo encontro do día, apenas dúas horas despois e coa carga de tres partidos nas súas pernas cando os de Carballo baixaron as súas prestacións ante un rival que aínda non coñecía a vitoria, o Grupo Astur. A defensa xa non era o que fora escasas horas antes e é que as pernas xa non chegaban onde antes facíano. No posicional máis do mesmo, non había mobilidade, non existía o xogo colectivo e as constantes accións de 1×1 contribuían a que a fatiga incrementásese. Ante maior cansazo, as accións eran pasionais, xa non se pensaba e as tomas de decisións convertíanse unha e outra vez en erros. A pesar de todo, o Laber Xiria retirábase ao descanso cun resultado ao seu favor de 9-10, pero moito terían que cambiar as cousas no segundo tempo para levar a vitoria. Como o encontro continuo polos mesmos camiños, os de Carballo pronto viron como o seu rival tomáballes a dianteira e até se marchaban de tres goles, diferenza xa insalvable para os verdinegros que só foron capaces de marcar 6 goles na continuación para establecer un resultado en contra de 19-15.
Este traspés complica o primeiro posto do grupo e por tanto o pase á final e deixa vía libre ao Bueu para ocupar este posto, xa que depende de si mesmo. De calquera modo e até esta noite, cando se dean por finalizados todos os partidos, non se saberá por que posto loitarán os de Carballo, sendo o 3ºe 4º o máis probable, inda que existen posibilidades remotas de disputar a final ou mesmo quedar relegados ao 5º-6º.