Vipecón Xiria 34 (17+17): Bisbi, David (17), Miguel (6), Brais (6), Iago (1), Jorge, Antón (2) -equipo inicial- Heitor (1), Damián (1), Iván Eiroa, Joaquín, Luís, Chouciño.
Bueu Atl 31 (12+19): Yeray, Pablo (3), Eloy (18), Iván (5), E. Castro (1), David (4) Dani -equipo inicial- Otero, David, Marcos, Sergio, Iago, Cristian.
Colexiados: Pablo León e Inocencio Pérez. Cometeron bastantes erros para os dous equipos pero sen influencia no resultado.
O Vipecón Xiria conseguía dous importantes puntos ao vencer ao Bueu Atlético na 18ª xornada da División de Honra cadete. Con estes dous puntos o Vipecón sobrepasa ao Bueu na táboa situándose así na quinta posición.
O comezo do partido do Vipecón Xiria non foi tan intenso como nos teñen acostumados ultimamente e a irregularidade das accións foron a tónica da primeira metade, ao igual que os erros e perdas de balón por parte dos dous equipos. As defensas non existiron por parte de ningún dos equipos, aínda que os de Carballo tiñan momentos nos que estaban acertados nesas tarefas. A pesar de facer un mal partido, os locais adquiriron unha vantaxe moi cómoda que chegou a ser ata de oito goles, pero a falta de concentración deixaba finalmente un marcador de 17-12 no intermedio.
A segunda metade foi para esquecer. Quizais foi onde o Vipecón mostrou o peor xogo, xunto co partido fronte ao OAR, do que levamos de campaña. Os erros e as perdas de balón sucedíanse, os erros en lanzamentos claros e unha defensa inesistente e de todo indolente facían que os dous puntos se quedaran na casa grazas á renda adquirida con anterioridade, pero deixaba un mal sabor de boca a todos e un parcial na reanudación a prol dos de Bueu de 17-19. Ao final un marcador de 34-31 que aupa o Vipecón Xiria ao quinto posto da táboa clasificatoria.
A vindeira xornada deparanos un derbi posto que o Vipecón Xiria deberá visitar a pista da EM de Camariñas.
