Xornada de balonmán este mércores

Mércores de balónmán nos pavillóns carballeses, xa que á disputa do partido de 1ª Estatal no Vila de Noia ás 12:30, súmanse os partidos dos equipos da División de Honra.

Disputa o seu partido o Calvo Xiria ante un Bueu Atl. do que non se debe fiar o máis mínimo o conxunto carballés. Un rival cun xogo moi ordenado e que busca o pivote de xeito continuado, para facerlle fronte os locais deben de ter a mesma determinación e concentración que a pasada fin de semana se queren que os puntos se queden na casa. De novo marcar o ritmo do partido e apoiarse no xogo colectivo, evitando erros de lanzamento, serán as premisas para o Calvo Xiria.

O Laber Xiria recibirá ás 10:15 a un potente conxunto, o BM. Porriño, que, xunto o equipo carballés, suman catro puntos na clasificación. Con todos os lesionados recuperados, inda que non o 100%, os bergantiñáns afrontan o envite ca ilusión de gañar e seguir no alto da clasificación.

Pola súa banda os cadete do Grupo Lemaco Xiria tentarán sumar a súa primeira vitoria este mércores coa visita do BM Lavadores, o partido disputarase no Pavillón Carballo Calero a partir das 12 da mañá. O Xiria centrarase en dar maior continuidade aos seus ataques, non caer na precipitación, e amosar unha maior solidez defensiva durante os 60 minutos. Serán baixa para este encontro os irmáns Iago e Mario.

Ás 10:30 no pavillón Carballo Calero o Garaysa Xiria quere seguir en liña ascendente e de bo xogo que vén mostrando até agora. A achega e o equilibrio de todos os xogadores, será unha das claves para conseguir os obxectivos da tempada, que nesta ocasión lévalles a pelexar os dous puntos co Bm Lavadores.