Con moito en xogo en todas as categorías afronta Escolas Balonmán Xiria esta xornada do 14 e 15 de Marzo.
O sábado ás 20:00 en Vigo o Calvo Xiria ten no Pavillón de Coia ante o Seis do Nadal unha final. Repítese a situación do ano pasado, pero cos papeis cambiados toda vez que son os visitantes os perseguidores na táboa clasificatoria. Sen marxe de manobra afronta o encontro o conxunto carballés ca baixa segura de Ramón. Precisan os verdibrancos de facer un encontro redondo ante un equipo que xa o venceu na primeira volta no Vila de Noia, imprescindible amosar todas as súas armas defensivas e que os lanzamentos de seis metros teñan unha alta porcentaxe de acerto.
Difícil compromiso para o Goldie Xiria que se despraza para medirse ao Balonmán Tui, terceiro clasificado a un punto das carballesas. As numerosas ausencias para este encontro, obrigará as xogadoras a ter que dobrar forzas diante dun rival complicado ao que venceu en Carballo por 28 a 24. Sara Pombo, Marta Regueira, Cris Gende e Raquel Gómez, seguen mancadas, e tampouco estarán no partido Angela Pena e Aida Cangas.
Tamén de final defínese a fin de semana na División de Honra. O Garaysa Xiria xoga este sábado ás 12:00 no Carballo Calero o encontro máis importante da tempada, contra un rival directo pola permanencia, o Bm. Tui, co que chega empatado a 9 puntos. Se o Lavadores perde o seu encontro fronte ao 2º clasificado, o Bm. Cisne, e o Garaysa acada a vitoria, os carballeses terán asegurada a permanencia. E xa o domingo no Vila de Noia, ás 10:30 o Grupo Lemaco, tentará conseguir unha vitoria fronte o sempre complicado BM. Porriño e deste xeito aspirar a recuperar a quinta praza da clasificación no tramo final da competición. E pechará a xornada ás 12:30 o Laber Xiria – Bm Porriño, en partido no que pode celebrar de forma matemática a clasificación para o campionato de España, pero para iso terá que conseguir os dous puntos en xogo fronte a seu rival moi duro como é o BM. Porriño. Para saír airosos desta xornada será fundamental o apoio de tod@s @s carballes@s que de seguro non faltarán a tan importante cita

