En Carballo, ás 20:00 no Vila de Noia, o Calvo Xiria comezará unha nova tempada. Unha liga esixente e con gran nivel, onde os verdinegros veñen con enerxías renovadas e con moitas gañas de pelexar de novo por estas nos postos de privilexio. O adestrador Adrián Dubra analiza con nós este primeiro encontro da tempada:
Visita Carballo o Saeplast Cañiza, que aspira a mellorar a cuarta praza da tempada anterior e preséntase con moitas caras novas, entre elas dous vellos coñecidos da afección Carballesa, como son Cristian Canosa “ Fary” e Adrián Losón. Un recontro que gardará grandes emocións para os dous antigos integrantes do persoal que tan bo recordo deixaron no seu paso por Carballo.
Pola súa banda; o Calvo Xiria, chega á cita desta fin de semana, con todos os xogadores dispoñibles despois de que Aaron Rodríguez recibise a alta médica o mércores, e aínda que terá que ir aos poucos axustándose aos sistemas, xa pode traballar cos seus compañeiros de maneira habitual.
No referente ao xogo colectivo, unha das fases importantes deste encontro será o balance defensivo, a rápida organización dos sistemas defensivos, nun partido con 60 minutos de moita intensidade en ambos os conxuntos.
Espérase un gran ambiente nas bancadas, onde volverán ruxir as gargantas e o son dos bombos para animar ao Calvo Xiria nesta primeira xornada ligueira.


