Ao Calvo Xiria espéralle un difícil e emocionante encontro, na súa visita a Coia

1ª Estatal masculina

Empeza un bloque de dous partidos a domicilio, para o Calvo Xiria. En primeiro lugar viaxa ata Vigo, para enfrontarse ao Magope Seis Do Nadal, unha pista difícil, contra un equipo que mantén o bloque tempada tras tempada o que fai que se coñezan ben e se compenetren á hora de xogar.

A defensa do Calvo Xiria, terá que poñer especial atención nas accións 1×1 e 2×2, abrigo de Guillermo Rial, que cobra moito protagonismo no xogo local. En ataque o conxunto de bergantiños, deberá amoldarse aos distintos sistemas do Seis Do Nadal; aínda que ben é certo que lle gusta defender 6:0; aproveitan as situacións que se adoitan dar nos partidos, para cambiar a defensa 5:1 ou 4:2.

En ataque, o Calvo Xiria, ten que seguir creando oportunidades de lanzamento, xogando coa intensidade que lle caracteriza e mesturando ben os tempos de ataque, para seguir evolucionando na relación entre a primeira e segunda liña. Crer nas segundas accións de ataque; xa que ultimamente os equipos subiron o nivel de agresividade, sobre os xogadores máis físicos, como David García, que non se puido exercitar co resto de compañeiros esta semana, debido os numeros golpes as que está a ser sometido. Outra das dúbidas será Fary; que tivo problemas nun nocello no adestramento do luns.

Por outra banda, xa poderá contar con Adrián Losón que se reincorporou aos adestramentos e terá que ir recuperando o ton físico aos poucos.

O partido disputarase o sábado ás 18:30, no pavillón municipal de Coia.