Apaixonante xornada de balonmán este fin de semana

1ª Nacional masculina:
 
Xornada especial para o Calvo Xiria, que regresa ao Vila de Noia en partido oficial. E é especial porque non xogaba un partido oficial na casa desde o pasado 7 de decembro, cando se enfrontou ao Oar. Polo menos, a afección carballesa puido gozar do equipo nun par de partidos amigables disputados este mes de xaneiro. O rival, o Carnes Doribeiro Ourense Provincia Termal, sufríu moitas baixas ao longo do ano, pero aproveitou o parón para recuperar efectivos e volver ser o equipo forte de principio de tempada. As claves do partido estarán no plano defensivo; onde os visitantes explotan o xogo 2×2 co pivote, e o 1×1. Tamén o balance defensivo, que ocasionou moitos problemas aos do Calvo Xiria na primeira volta. A afección de Carballo ten que ser ese xogador de máis que axude a seguir ao equipo pola senda do triunfo. O partido disputarase o sábado ás 20:00, horario habitual.
 
1ª Autonómica feminina:
 
Este sábado, o Goldie Xiria Carballo Turismo recibirá no pavillón do CEIP Fogar ao BM. Tui, un conxunto que se lle resiste nas últimas tempadas ás de Xiria e fronte ao que non puideron puntuar tampouco na primeira volta desta primeira autonómica feminina. O Goldie Xira Carballo Turismo, que espera poder recuperar a algún dos seus efectivos para este encontro, acepta o reto de poder competir ao bo equipo de Tui con ilusión, sobre todo despois do gran partido ofrecido a pasada semana en Carballal.Para iso, as xogadoras son sabedoras que para sumar os dous puntos en xogo, a parcela defensiva terá que funcionar a un alto nivel fronte á capacidade no 1×1 das xogadoras visitantes. Frear ou retardar a continuidade da pelota no ataque posicional do BM. Tui, será outra das dificultades engadidas ao gran traballo que terán que ofrecer as de Carballo para superar a un conxunto que funciona moi ben nas diferentes fases do xogo. O partido dará comezo ás 18:00 h.
 
División De Honra masculina:
 
Teremos derbi provincial contra o Bm Culleredo nas tres categorías, o sábado pola mañá. Abrirán a xornada os infantís do Garaysa Xiria, ás 10:00, que ten unha boa oportunidade de consolidar o liderado, ante un Culleredo que vai quinto e xógase moitas das súas opcións de estar na fase final. Ás 11:15 será a quenda dos cadetes do Grupo Lemaco Xiria; o enfrontamento decidirao a regularidade dos equipos, durante o transcurso do partido, xa que os números na táboa son moi parecidos, aínda que Culleredo vai por diante cun punto de vantaxe. Pechará a mañá, ás 12:45, o Laber Xiria, que segue coa súa posta a punto, recuperando xogadores e collendo confianza no seu xogo.
 
División De Honra feminina:
 
Os dous conxuntos de Xiria, reciben este próximo sábado aos equipos da SD. Teucro, un histórico do balonmán galego.
As infantís do Punta Del Este Xiria, xa foron capaces de impoñerse na primeira volta ao equipo teucrista na súa cancha, pero nestes momentos e dadas as baixas por lesión que arrasan a un plantel xa por se curto,dificultarán aínda máis a tarefa de conseguir dous novos puntos. O encontro que enfronte ás carballesas ante a SD Teucro Pescamar, dará comezo ás 11:15 no pavillón do Ceip Fogar.
 
No mesmo escenario, hora e media máis tarde (12:45), sairán á pista colexial o Hierros Varela Urbieta Xiria cadete e a SD Teucro Clínica Veterisaude. Se atisba un encontro desigual dado o gran potencial do conxunto pontevedrés, aspirante aos postos máis altos da táboa clasificatoria. As bergantiñás, que a pesar das numerosas baixas por lesión veñen de sumar dous importantes puntos a pasada semana, desexan seguir progresando no seu nivel competitivo e demostrar, sen complexos, o nivel que poden ofrecer fronte aos grandes equipos da categoría.
 
2ª División infantil masculina:
 
Despois do descanso da semana pasada, volve á competición o Metalúrgica BB Xiria e faino o domingo ás 12:30 en Camariñas, noutro dos derbis desta xornada. Dous equipos parellos de forzas, que decirán o choque nos pequenos detalles e na evolución do xogo con respecto á primeira volta.
 
Liga Alevín BM7:
 
Dous conxuntos de Xiria en categoría alevín, o masculino Galega De Mallas Xiria e o feminino Gestagua Xiria, enfrontaranse este sábado ás 10:00 h no pavillón do Ceip Fogar. Será un enfrontamento entre compañeiros que comparten club, pista e adestramentos, un partido especial sen dúbida para nenos, nenas, pais e nais onde o goce está asegurado. En canto ao terreo deportivo, a maior experiencia dos mozos fai que se intúa un choque desigual, aínda que nunca se pode menosprezar o espírito competitivo deste grupo feminino do Gestagua que pon todo do seu parte para mellorar en cada partido.
 
Liga Alevín e benxamín BM5:
 
Este sábado, xogarase a xornada de BM.5 que no seu día se aprazou antes do parón do Nadal debido á alerta laranxa que azoutou a provincia. Trátase da xornada 4 e salvo o partido que enfronta aos conxuntos de Xiria, Lista Xiria e Laber Xiria, que se xogará o Venres no pavillón do CEIP Fogar ás 18:15, o resto de partidos terán como sede o pavillón Víctor Vigo de Camariñas o sábado pola mañá.
Os enfrontamentos e horarios serán os seguintes:
 

Alevín Grupo Norte 1

Lista Xiria – Laber Xiria. Venres 18:15h, pavillón Ceip Fogar (Carballo).

Garaysa Xiria – Bm Camariñas Rmo. Sábado 12:15h, pavillón Víctor Vigo (Camariñas).

 

Benxamín Grupo Norte 1

Óptica Auris Xiria – Bm Ribadosar Alca Omega. Sábado  10:45h, pavillón Víctor Vigo (Camariñas).

Mr Nutrición Xiria – Bm Camariñas Talleres Alfogar. Sábado  11:30h, pavillón Víctor Vigo (Camariñas).

Club Deportivo Concello de Zas – 7 Metros Xiria. Sábado 12:15h, pavillón Víctor Vigo (Camariñas).