Disputan no Vila de Noia os seus partidos os conxuntos sénior de Escolas Balonmán Xiria. Ás 18:00 o Calvo Xiria terá un derbi provincial ante o OAR namentres o Goldie agardará até as 20:00 para o seu encontro.
Logo de dúas derrotas consecutivas quere o Calvo Xiria retomar o camiño da vitoria. Necesitará para acadar o seu obxectivo de toda a súa calidade e intensidade para levarse os puntos en xogo nun sempre complicado envite. Impedir a circulación de balón dos coruñeses e amosarse firme no un contra un serán claves para poder montar o seu contraataque e aumentar así as opcións de vitoria, apoiados, coma sempre, nos folgos dos seus seareiros. Toda vez que Ramón xa cumpriu o seu partido de sanción, todos os xogadores están dispoñibles pero haberá que agardar ao adestramento deste venres para ter a lista definitiva de convocados.
O Goldie Xiria terá un difícil compromiso diante do Bm Tui, equipo que na tempada pasada derrotou con facilidade nos dos enfrontamentos as carballesas. Precisan as carballesas para o encontro facerse fortes e compactas en defensa diante dun equipo que amosa moita continuidade nos seus ataques. Terán as xogadoras locais que sacar o balón rápido de contraataque para darlle un ritmo ao partido que incomode ao BM Tui. Do mesmo xeito, o Xiria deberá buscar máis efectividade no seu lanzamento exterior para que as contrarias dean máis espazo ao ataque. Aida será Baixa na portería, esperando que o resto de xogadoras estean para o encontro.
Desprazaranse o domingo á cidade herculina os equipos da División de Honra para afrontar os seus encontros ante o OAR no San Francisco Javier. O Garaysa Xiria, ás 10:00h, tentará sumar algún punto contra os coruñeses, 7º clasificados na táboa, para elo será necesario afinar a puntería de cara a gol e manter unha alta intensidade defensiva. Xusto despois, ás 11:15, o Grupo Lemaco tentará levarse os puntos para manter esa quinta, tarefa nada sinxela dado o potencial do equipo local. E para rematar, 13:00 horas, o Laber Xiria afronta unha nova final na busca de seguir mantendo a segunda praza que ocupan neste intres xa que o Lalín, perseguidor dos carballeses, sitúase a tan só un punto dos bergantiñáns, polo tanto, a vitoria faise obrigada.

Publicado enPrevia Xornada