Cinco partidos coma visitante para Escolas Balonmán Xiria esta xornada

O sábado a partir das 19:00 renderá o Calvo Xiria visita a un dos terreos máis complicados da categoría, o Pavillón Municipal do Rosal, sede do Acanor Atl. Novás, que a pesar dun arranque de tempada un pouco errático é un dos equipos chamados a ocupar praza para a fase de ascenso. Conta nas súas filas con xogadores de moitísima calidade e logo de terse reforzado con dous ex-Octavio de Vigo presenta o conxunto rosaleiro un plantel que máis asemella de División de Honra que da 1ª Estatal na que milita. Capacidade de lanzamento exterior, boa finalización da segunda liña e unha das defensas máis duras da categoría rematada cun ex-asobal na portería compoñen a súa carta de presentación. Para tratar de tirar algo positivo necesitará o conxunto carballés facer un gran partido minimizando os erros ao tempo que precisa conseguir que os xogadores locais non se sentan cómodos e moito menos marquen o ritmo de xogo que lles interesa.  Unha dificilísima tarefa para a que Marcos Rodríguez conta con Alejandro Naya e Martín Gómez (porteiros), Alejandro Calvete e Ramón Suárez-Pumariega (pivotes), Jorge Bouzas, Manuel Méndez, Pablo Iglesias, Martín Alfeirán, Iván Campos, Julián López e Gonzalo Pombo (1ª liñas), Brais Puñal, Javier Rodríguez e Sergio Facal (2ª liñas), sendo dúbida Mario García de Seárez por mor da lesión no seu ombreiro dereito.
O Goldie Xiria desprázase igualmente este sábado a Vigo, para medirse ao Balonmán Lavadores a partir das 8 da tarde,  un dos favoritos do Grupo para clasificarse entre os catro primeiros que xogarán polo ascenso, polo que o partido preséntase moi complicado para o Goldie, que desta vez terá ausentes por lesión a Manon, que segue en proceso de recuperación, e a Zeltia, mancada no derradeiro encontro, a elas unirase con toda seguridade Marta, que volveu a resentirse do seu ombreiro, aínda que se agardará ao que aconteza no derradeiro adestramento. Entrarán como novidades na convocatoria Jéssica e Raquel, logo de rematar o proceso de recuperación no que estaban inmersas. Polo tanto estarán a disposición de Toni García: Brenda Noya (porteira) Juana Garrochena, Natalia Solís, Tamara Pombo, Jéssica Posse, Marta Regueira, Sara Pombo, Cristina Gende, María Gómez, Adriana Gómez, Patricia García e Raquel Gómez.

E para rematar a xornada de sábado xoga O Garaysa Xiria o seu primeiro partido lonxe de Carballo contra o Bm Rasoeiro de O Grove. O encontro comeza ás 11:00h no Pavillón Monte da Vila e nesta ocasión o adestrador volverá a contar con toda probabilidade coa baixa de Manuel, aínda convalecente tras unha pequena intervención cirúrxica. Logo da estrea con derrota na primeira xornada co Octavio mais deixando unha moi boa imaxe, e tras unha boa semana de adestramentos, o Garaysa tentará sumar os seus primeiros puntos contra un rival que pese a ser un dos recentemente ascendidos acadou unha cómoda vitoria contra o Bm. Tui o pasado fin de semana (21-33).
Xa na xornada de domingo, o Grupo Lemaco Xiria cadete e o equipo xuvenil de E.BM. Xiria, desprazaranse a Coruña para xogar o primeiro derbi da tempada, será no pavillón de Mesoiro ante o BM.Ártabro. Os horarios de partidos: cadete ás 10:30 e xuvenil ás 12:00.

O Grupo Lemaco Xiria, chega a este encontro despois de saír derrotado a semana pasada no Vila de Noia Carballés fronte a un dos gallitos da categoría, o Academia Octavio de Vigo e afrontará este encontro coa motivación necesaria para tirar algo proveitoso en terras coruñesas. Mentres os xuvenís, que de igual xeito se enfrontaron a pasada semana aos olívicos, parten co obxectivo de afianzarse no excelente xogo que lles levou á vitoria, e deste xeito conseguir os dous puntos en xogo, co gallo de seguir ocupando os primeiros postos da táboa clasificatoria. Sabedores das dificultades que se van encontrar nos dous encontros, os equipos de Xiria deberan de estar ao seu mellor nivel se queren conseguir os seus obxectivos.