Derrota do Goldie Xiria nun mal partido

Fai moito que o Goldie Xiria tiña o encontro de hoxe marcado no calendario. As boas sensacións antes do parón do Nadal e a progresión positiva das de Carballo desde que dese comezo a liga, daba pé a iso e a visita do BM. Tui, que tan só gañara dous partidos no que vai de liga (precisamente un deles, ante as carballesas por 16-13), cara a ter certas esperanzas e toda a ilusión do mundo por puntuar esta tarde de Sábado e así poder conseguir a primeira vitoria. Quizá foi un exceso de ansiedade ante a chegada deste momento, quizá, a disminución de efectivos por lesións ou enfermidade, ou quizá, un compendio de todo iso, pero a realidade é que o Goldie Xiria acabou completando un dos peores encontros da tempada. O que se prevía un partido igualado, converteuse, co paso dos minutos, nunha prácida vitoria das visitantes, que desta forma afástanse das bergantiñás na clasificación. As verdinegras non atoparon en ningún momento a regularidade no xogo que viñan mostrando e foron a remolque desde o primeiro minuto, tanto no marcador como na claridade con que un equipo e outro se desenvolvían no 40×20 do Vila De Noia. A defensa, alicerce indiscutible do Goldie, non funcionaba no día de hoxe e sufrían ante os lanzamentos exteriores da primeira liña tudense. A un minuto do final do primeiro tempo, Elena Segade estivo a piques de poñer a un gol de diferenza ás de Carballo. O balón paseábase pola liña de portería e o colexiado, que é o que mellor visión tiña da mesma non daba o tanto. Dunha acción que podería meter ás de Xiria no partido, pasouse a dous erros e un parcial de 0-2 para que as de Tui fósense ao descanso cun cómodo 9-13. No segundo acto non houbo historia, as xogadoras visitantes desenvolvíanse perfectamente ante as variacións defensivas do Goldie Xiria e ben con lanzamentos exteriores, en situacións de xogo sen balón, de 1×1, ou de xogo cos seus extremos, superaban unha e outra vez a feble retagarda carballesa. Na transición defensa – ataque ou no posicional, os erros sucedíanse para as verdinegras e as diferenzas seguían aumentando co paso dos minutos até ese 18-30 final.

A semana que vén e de novo en casa, o Goldie Xiria terá outra oportunidade de estrear a súa marcadora, esta vez contra o BM.Lalín, equipo que se sitúa, con catro puntos, xusto por diante das de Carballo.

Goldie Xiria: 18 (9+9). Brenda Noya, Uxía Pazos, Saray Couto, Alba Rodríguez, Raquel Gómez (6), Juana Garrochena (4), Adriana Groba (1), Tamara Pombo(1), Elena Segade (2), Zeltia Landeira (4), Diana Rodríguez, Sara Pombo.

Tui: 30 (13+17). Antía Pereira (5), Eva Álvarez (2), Nerea Míguez (4), Andrea Iglésias (3), Susana Pérez (10), Alba Ferreiro, Nerea Sánchez (2), Patricia Fernández, Estefanía Pérez (4).

Parciais cada 5´: 3-3 / 3-5 / 4-5 / 5-8 / 8-10 / 9-13 -Descanso- 9-14 / 12-16 / 12-18 / 13-22 / 15-25 / 18-30 -Final. 

Arbitros: Pablo Barreiro e Gabriel Folgoso. Sen complicacións.

Incidencias: Primeiro encontro en 1ª Autonómica feminina despois do parón do Nadal, disputado no Pavillón Vila de Noia ante cento trinta siareiros.