Distinta sorte para os equipos de Territorial Infantil

Nova xornada nas ligas territoriais para os equipos infantís do Xiria. Desta volta viaxaban até Lugo o sábado pola mañá.
Abriría ás 10:00 o Marmolería José Rey Xiria, nunha primeira metade moi disputada onde a férrea defensa carballesa daríalle unha mínima vantaxe de dous goles ao descanso; 8 a 10.
Na continuación, incrementaría o ritmo de xogo o Marmolería José Rey baseando a vitoria na defensa sobre os laterais locais, ben controlados durante todo o partido e correndo ao contraataque, o que levou o resultado final ao 15 a 24, cos de Carballo como xustos vencedores.

Incidencias: Partido disputado no pavillón Casa do Deporte cun centenar de seareiros de ambos os conxuntos nas bancadas. Árbitro: Bernat Galmés do colexio Galego.

Por parte do MARMOLERÍA JOSÉ REY XIRIA xogaron: Mateo Pallas [p], Asel Cambón, Juan Martín Fajardo, Pablo Esmoris, Andrés García, Martín Fontes, Miguel Goimil, Alberto Suárez, Esteban Puñal, Alex Puñal, Anxo Canosa, Javier Rodríguez.

Inmediatamente despois; ás 11:15 sería a quenda para as xogadoras do Punta del Este Xiria; nun partido que se antollaba igualado. E así o foi durante os primeiros 15 minutos; gran xogo por parte dos dous equipos até ese momento, onde as defensas impúñanse aos ataques. Pero a partir de aí o Punta del Este desconectábase do partido; cunha defensa inexistente, o Lucus conseguía goles facilmente e en ataque as carballesas estrelaban todos os lanzamentos contra a porteira local, que fixo un gran partido.
Ao descanso chegábase con 11 a 7 con vantaxe para as lucenses.
Ao comezo da segunda parte tímida reacción visitante, que se aproveitaba de dúas perdas de balón para reducir diferenzas; pero a defensa carballesa non volvería funcionar como ao comezo do partido, con constantes contactos, agresividade e intensidade que desapareceron co paso dos minutos; e os ataques atascábanse no centro da defensa local.
Ao final do partido o resultado de 22 a 15 daba a vitoria ás locais.

Incidencias: Partido disputado no pavillón Casa do Deporte cun centenar de seareiros de ambos os conxuntos nas bancadas. Árbitro: José Carballeira do colexio Galego.

Por parte da PUNTA DO LESTE XIRIA: Elena Collazo [p], Anna Hernández, Paula Bouzas, Marta Gómez, Lucía España, Alba García, María García, Nerea Varela, Valeria Figueroa, Nina Pereira, Ana Pombo, Lara Otero, Natalia Cancela.