Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

Previa da xornada

Doce partidos para Escolas Balonman Xiria este sábado

Este sábado ás 18:00 dispútase a primeira xornada da segunda volta na 1ª Estatal, que depara o enfrontamento no Vila de Noia entre Calvo Xiria e Saeplast Cañiza. Os carballeses…

Este sábado ás 18:00 dispútase a primeira xornada da segunda volta na 1ª Estatal, que depara o enfrontamento no Vila de Noia entre Calvo Xiria e Saeplast Cañiza. Os carballeses seguen a traballar con moita intensidade en cada adestramento para tratar de se facer fortes no alto da táboa clasificatoria, namentres o seu rival loita por evitar os postos de descenso. Mais non cabe relaxación ante un rival que na primeira volta amosou moito máis xogo do que din os puntos que leva acadados e que xa foi quen de levarse a vitoria ante o Chapela, perseguidor implacable dos carballeses. Con todos os xogadores dispoñibles, non será até o derradeiro adestramento de hoxe cando se coñeza a lista de convocados.

A xornada da División de Honra vivirase o sábado no Novo Pavillón de Redondela, casa da SAR dende as 10 da mañá. Garaysa Xiria, Grupo Lemaco Xiria e Laber Xiria parten co obxectivo de levarse os puntos en xogo para seguir a loitar por entrar no grupo de equipos que acceden ao campionato de España. Entre os infantís causa baixa Adrián Mesejo que se lesionaba no nariz no adestramento do luns nun choque fortuíto con outro compañeiro e Mario Rincón é dúbida até ver como evoluciona das súas molestias no xemelgo, aínda así tratarán os carballeses de xogar a un ritmo o máis alto posible para levar o partido ao terreo no que mellor se moven. Ás 11:15 os xuvenís, sen baixa algunha, deberán poñer toda a concentración no envite si queren superar este complicado obstáculo, xa que o SAR de Redondela é un conxunto que actuando de local xa dera moitos problemas a calquera equipo. E xa para rematar, ás 12:45, o equipo cadete do Xiria tratará de levarse os puntos afianzándose na defensa, co gallo de poder correr o maior número de contraataques posibles. Contan os carballeses ca dúbida de Sergio Pombo con problemas nun ombreiro.

Por outra banda, comeza a Copa Delegación para os infantís do Marmolería José Rey Xiria, compiten doce equipos a unha volta e nesta primeira xornada xogan no pavillón municipal da Gándara, contra o Balonmán Narón ás 10:15. Unha competición que servirá para ver os progresos alcanzados polo xogadores na presente tempada. Causará baixa Brian Gómez por problemas nun nocello.

Na competición de minibalonmán, os equipos alevíns de LK Xiria (11:20)e Punta del Este Xiria (10:30) e o benxamín do Oak English Centre Xiria (10:15) viaxan a Santiago para xogar no Colexio Alca. E pola tarde no CEIP Fogar dispútanse os duelos locais entre alevíns do Xiria Telepizza Carballo e Marmolería José Rey Xiria (16:30) e entre os benxamíns do Laber Xiria e Grupo Lemaco Xiria (17:15).

Máis sobre isto