Duro rival para o Calvo Xiria

Recibe o Calvo Xiria a un renovado Bm Porriño este sábado no Vila de Noia ás 18:00. Cun novo patrocinador e con sete incorporacións, pasa por ser un dos equipos favoritos a ocupar una praza para as fases de ascenso, contando para este obxectivo con xogadores con  moita experiencia nesta categoría e en superiores.

Marcar o ritmo de xogo, evitando perdas de balón no seu ataque posicional, serán factores claves para que o Calvo Xiria poida continuar invicto.

Un pouco antes, ás 16:00, o Goldie Xiria repite como local no Vila De Noia. O Rasoeiro de O Grove, que xa foi quen de derrotar as bergantiñáns no primeiro partido de liga, chegan a Carballo ca idea de repetir vitoria, pero as xogadoras de Xiria, que están demostrando unha notable melloría co pasar das semanas, esperan seguir na senda que lles acerque a primeira vitoria. Para este encontro, Tamara será baixa por motivos laborais e Adriana por estudos.

Pola súa banda os equipos de División de Honra desprázanse a Vigo este sábado, concretamente ao pavillón de Coia para xogar ante o Seis do Nadal, en Vigo. Na categoría xuvenil haberá un duelo de invictos. O Seis do Nadal e o Laber Xiria, prometen un partido vibrante e de moi alto nivel. O envite dará comezo as 12:30 do sábado. Todos os xogadores do Xiria están dispoñibles para ser convocados.

Difícil compromiso para un Grupo Lemaco que terá que ofrecer outra cara na faceta defensiva si quere ter opcións de pelexar polo triunfo ante un equipo superior fisicamente que opta a clasificarse para o Campionato Estatal, a velocidade e a saída ao contraataque poden converterse na arma coa que o Grupo Lemaco poña en apuros ao seu rival, pero para correr, primeiro hai que defender.

E abrirá a xoranda ás  10:00 o Garaysa Xiria xogará ante o Seis do Nadal que marcha sexto clasificado e tratará de pór en dificultades ao conxunto carballés que deberá sobreporse ao madrugón e á viaxe, para competir ao mesmo nivel que cando xogan na casa. O obxectivo é afrontar este choque coa máxima esixencia para chegar da mellor forma aos últimos partidos antes do parón de Nadal ante rivais da parte alta da táboa.

O sábado pola mañá en Carballo, no pavillón CEIP Fogar os outros equipos infantís do Xiria reciben a visita do Bm Lucus. Ás 11:00 será a quenda para o Marmolería José Rey Xiria, que despois de conseguir a súa primeira vitoria quere seguir sumando e progresando na competición. E ás 12:00 as xogadoras do Punta del Este Xiria queren demostrar que o traballo e o esforzo semanal reflictan o bo xogo do equipo.