Cara e cruz dun Laber Xiria que cede os dous primeiros puntos

No día de hoxe, dábanse cita no pavillón do barrio de Coia, en Vigo, os dous conxuntos que comandaban a División De Honra xuvenil masculina. Ambos chegaban a esta xornada invictos, aínda que o Laber Xiria situábase no máis alto da clasificación pola súa diferenza de goles. Os de Carballo saíron ao encontro de forma inmellorable, mostrando unha concentración e un espírito competitivo sobresainte, tal e como requiría o envite. Os olívicos non eran capaces de superar a ferrea e activa defensa visitante e cando o facían, atopábanse con Antonio en portería, moi entoado nestes primeiros minutos. Tal era a superioridade que mostraban os de Xiria, que o adestrador local tiña que solicitar o seu primeiro tempo morto no minuto 10, cun incontestable 0-5 no marcador. A pesar das novas consignas, o Seis Do Nadal non conseguía reaccionar e o seu rival mantiña a diferenza, mostrandose inapelable na retaguardía e liquidando colectivamente as situacións no ataque posicional. Non foi, ata o minuto vinte, cando o Sedona puido achegarse algo máis no marcador, unha reacción propiciada por un 5:1 mixto sobre Juan Carlos e polas perdas de balón consecutivas que sufriron os verdinegros. En dez minutos, a vantaxe quedara anulada e as táboas no marcador daban paso a unha prometedora segunda parte na que todo volvía comezar. No seguinte acto, a saída dos locais foi fulgurante, apoiados aínda na euforia remontada do tramo final do primeiro tempo. O Laber Xiria non daba coa tecla para atacar o 5:1 en mixta e comezábase a pecar de precipitación e do exceso das accións individuais. Dúas situacións de risco no pase ao pivote e outras tantas perdas de balón que inmediatamente se convertían en senllos goles ao contragolpe, poñían as cousas moi costa arriba para os bergantiñáns no 10 da continuación (18-14). A partir de aquí, nada do tentado foi frutífero, nada deu resultado e os de Carballo perdíanse unha e outra vez en accións anárquicas, favorecendo a defensa local. As tendencias eran claras, un conxunto crecíase, o outro, empequeñecía a cada paso e xa nin existía a marcaxe nin as dificultades que se lles expuñan aos de Coia desde a retagarda. O Laber Xiria, cede pois o liderado e cultiva a súa primeira derrota en liga, aínda que os obxectivos e as opcións seguen intactas de fronte ao futuro. Agora haberá que pensar noutro potente rival, un Luceros que visitará Carballo a semana que vén coa bitola de ser outro dos favoritos ao título final.

Seis Do Nadal Coia: 30 (11+19). José Leiras (7), Angel Cameselle, David Rodríguez, Rubén Iglésias, Yago Santore (1), Martín Gayo (4), Lois Pérez (5), Samuel Alfaya (2), Damián González, Martín Rodríguez (3), Simón Portela, Antón Rivas (1), Javier López, Víctor Doval, Rubén Fernández (7).

Laber Xiria: 24 (11+13). Antonio Mato (p), Samuel Castiñeiras (p), Carlos Vilanova (4), Juan Carlos Rodríguez (10), Manuel Souto (p), Andrés Vila (1), Roi Alfeirán (1), Ronaldo (2), Francisco Rey (2), José Varela, Santi Oreiro (1), Andy Rey (2), Manuel Sánchez. Pedro Pereira, Alejandro Gómez (1), Andrés Urbieta.

Parciais cada 5´: 0-2/ 1-5/ 3-8/ 7-9/ 9-10/ 11-11/Descanso/15-12/ 18-14/ 20-16/ 23-20/ 26-22/ 30-24/Final.

Colexiados: Marcos Pérez e Angel Villar. Ben, sen complicacións.

Incidencias: Encontro da novena xornada da liga de División de Honra na categoría xuvenil, disputado no pavillón De Coia ante douscentos seareiros de ambos conxuntos.