Finais Campeonato de España de Seleccións
Non puido ser e nin David García e Miguel Suárez-Pumariega coa selección galega infantil nin Álex Zas coa cadete puideron proclamarse campións estatais tras caer as súas seleccións nas finais…

Non puido ser e nin David García e Miguel Suárez-Pumariega coa selección galega infantil nin Álex Zas coa cadete puideron proclamarse campións estatais tras caer as súas seleccións nas finais fronte a Andalucía e Cataluña respectivamente.
O combinado infantil caeu por un axustado 31 a 30 fronte á selección andaluza, coa que xa perderan na primeira fase do campionato, nun encontro que xa parecía decidido no intermedio cun marcador de 21 a 14 a prol dos andaluces. Sen embargo na segunda metade os xogadores galegos repuxéronse e a piques estiveron de lograr darlle a volta ao electrónico. Gran actuación de novo dos dous xogadores carballeses que amosaron un gran nivel durante todo o campionato.
Pola contra o equipo cadete nada puido facer fronte a unha selección catalana que se amosou moi superior durante todo o encontro. No descanso o combinado galego perdía xa por nove goles de diferenza, brecha que continuou aumentando na segunda metade ata chegar ao 29-46 final.
A nosa noraboa tanto aos tres xogadores do Xiria como ao resto dos seus compañeiros de equipo e técnicos polas segundas posicións acadadas e polo gran campionato que fixeron ambos os dous combinados galegos.


