Goldie Xiria – Bm. Cangas, partido polo primeiro posto

Goldie Xiria – Bm. Cangas, partido polo primeiro posto

O equipo feminino do Goldie Xiria, recibe a visita este sábado a partir das 8 da tarde do Balonmán Cangas, equipo que ocupa a segunda posición do Grupo a tan so un punto das carballesas, polo que se prevé un partido de moita intensidade. Logo das malas sensacións da semana pasada en Lalín, o equipo deberá volver a amosar as súa mellor versión. Precisará subir a intensidade defensiva e mellorar o ritmo de balón en ataque. Marta Regueira, Cristina Gende e Raquel Gómez, son baixas seguras, mentres que Tamara Pombo e Patricia García seguen en proceso de recuperación, a novidade será Lucía Vilariño, que fichou logo de varios meses inactiva.

Afronta o Calvo Xiria este domingo ás 12:00 no Municipal de Pontevedra o partido da vixésimo segunda xornada de liga ante o Bm. Pontevedra. Logo do mal partido da semana pasada o obxectivo dos carballeses é recuperar a súa dinámica de xogo máis positiva, imprimindo moita máis velocidade nas súas accións e recuperando as sensacións positivas na defensa. Enfronte terá un rival que non o porá nada fácil, pois tentará contaxiar aos verdibrancos do seu ritmo de xogo pausado e con interrupcións constantes, propias dun equipo de xogadores veteranos e con moita calidade individual. A efectividade de cara á portería rival será o outro punto clave do encontro, no que o Xiria deberá apoiarse para traer os dous puntos para Carballo e permanecer unha xornada máis na loita polo segundo posto.

Desprazamento a Vigo dos equipos da División de Honra para xogar ante o Seis do Nadal. Primeira quenda para os infantís nun complicado encontro e no que a partires das 10:00 xogarán ante o mellor equipo da categoría, que conta por vitorias todas as xornadas disputadas. Ás 11:00 os cadetes do Grupo Lemaco tratarán de puntuar para manter como mínimo a quinta praza que ocupan na actualidade, e tratarán de deixar tan boas sensacións como na segunda parte da anterior xornada. O rival, segundo na clasificación, presentará, sen lugar a dúbidas e de seguro será un gran encontro. Pola súa parte, os xuvenís do Laber Xiria,actualmente na segunda posición da liga,afrontan unha nova final co obxectivo de conseguir os dous puntos en xogo contra un complicado rival e manter o seu lugar de privilexio. Todos os xogadores están dispoñibles para participar neste encontro. E nas competicións territoriais o sábado ás 11:00 no CEIP Fogar o Marmolería José Rey infantil xoga un encontro aprazado contra o Bm. Ribadosar, de Santiago. Os carballeses tentarán recuperar a senda da vitoria fronte a un equipo de nivel similar que gañara no encontro de ida por 4 goles de diferenza. Namentres os alevíns do Ifecgas Pereira Xiria xogan ás 12:15 no Liceo da Coruña na liga de balonmán 7.