Visita esta sábado o Calvo Xiria a localidade de Bueu ás 19:00 horas co obxectivo de recuperarse animicamente dos últimos resultados que o distancia do grupo de cabeza. Xogará ante un equipo que está nun bo momento logo de acadar uns puntos que o achegan á zona tranquila da táboa clasificatoria, e que na súa casa sempre pon moitísima intensidade e complica enormemente o traballo dos seus rivais. Terán que ser quen os carballeses de impedir o xogo co pivote por parte dos locais e impor un altísimo ritmo de xogo no choque.
O Goldie Xiria desprazarase as terras do Deza para medirse ante o Balonmán Lalín, será o sábado as 8,30 da tarde. Logo do bo partido contra o Tui, as xogadoras carballesas terán un difícil compromiso contra un rival ao cal non foron capaces de derrotar a tempada pasada a domicilio. As notables baixas de Marta Regueira e Sara Pombo non deberan de restar potencial para este encontro, si ben o que preocupa e que a estas dúas se lle sumen outras xogadoras, que nesta semana complicada, presentan diferentes molestias e lesións. A confianza na defensa e portería, deberán de ser as bases nas que se fundamente unha posible vitoria diante do Lalín, que permita ao Goldie Xiria, seguir encabezando a clasificación do grupo.
Os partidos da división de honra xóganse o domingo no Vila de Noia. Ás 10:00 o Garaysa ten un complicado partido contra o Cisne, 2º clasificado na táboa. Os carballeses tentarán manter o bo nivel de xogo dos últimos encontros e aproveitar ao máximo o duelo para seguir esta liña ascendente. O equipo cadete Grupo Lemaco Xiria, que entrarán en escena ás 11:15, terá cono rival a un dos mellores equipos da categoría, o Cisne de Pontevedra. En caso de vitoria, os carballeses empatarán a puntos co seu rival na cuarta posición. O encontro, que parte coa baixa de Sergio Pombo por lesión e a dúbida de Antón Traba pola mesma razón, esixirá o máximo ao locais si se queren impor a tan duro rival.
Pola súa banda, ás 12:45, o Laber Xiria enfróntase ao BM.Chapela, último clasificado da categoría, pero fronte ao que non cabe ningún tipo de confianza si os de Xiria queren lograr o seu obxectivo estar ao final de liga entre os dous primeiros.
Na categoría territorial, o Marmolería Jose Rey de Territorial infantil xoga contra o Bm. Culleredo o Sábado ás 10:30 no Pavillón Tarrío (Culleredo). Ambos equipos chegan igualados a puntos e unha vitoria a prol dos carballeses permitiría case con toda seguridade acadar a 3ª praza na táboa.


