Maratoniana fin de semana para Escolas Balonmán Xiria

Novo fin de semana repleto de partidos para Escolas Balonmán Xiria. Arrincará o sábado ca disputa da competición de minibalonmán no Pavillón do Fogar.  Ás 10:30 horas xogarán os equipos benxamíns: Bm Xallas – Laber Xiria e Grupo Lemaco – Oak English Centre. En canto rematen, ás 11:15 xogarase o partido alevín Bm. Xallas – Ifecgas Pereira e á mesma hora as rapazas do Punta del Este terán un amigable co CEIP Bergantiños. A liga infantil territorial deixaranos o seguinte partido ás 12:15, o Marmolería Jose Rey Xiria tentará recuperarse da derrota sufrida en Santiago a pasada xornada e sumar os dous puntos fronte ao Culleredo, 6º clasificado, que chega a Carballo cun so punto menos cos nosos. Nesta ocasión os do Xiria recuperan a Daniel Mallo.
Xa pola tarde, concretamente ás 19:30 en Ferrol no pavillón do Ensanche, as rapazas do Goldie volven á competición. Marca este partido o inico da segunda volta, onde deberán remontar para chegar á cuarta posición que da acceso ao grupo polo ascenso, para elo terá como primeiro reto facerse ca vitoria ante un equipo que xa lles puxo as cousas difíciles en Carballo, lembramos 21 a 18 para o Goldie. A forte defensa 6:0 das locais, será o principal escollo que deban superar as xogadoras carballesas, máis cando se atopan nun momento de pouca efectividade en ataque. Por contra o ritmo alto de xogo do Xiria poderá decidir o encontro si é capaz de materializar as ocasións cara a portería.

A xornada de división de honra xogarase o domingo integramente en Carballo, no Vila de Noia, sendo o rival dos tres equipos o Seis do Nadal Coia. O Garaysa Xiria ás 10:00 enfróntase ao líder da táboa en solitario, que chega a Carballo contando os seus partidos por vitorias. Os infantís do Xiria chegan con todos os seus efectivos a punto e tentarán deixar a un lado o resultado do partido e centrarse en amosar no campo a súa melloría no xogo. En canto remate este primeiro partido faranse as fotos oficiais dos tres equipos da división de honra. Ás 11:15 será quenda para os cadetes do Grupo Lemaco que terán nos vigueses a un potente rival que lles porá as cousas moi difíciles, podendo tamén contar co seu plantel ao completo. E pechará, 12:45, o Laber Xiria, que estrea patrocinador, tentará continuar na liña dos derradeiros partidos para seguir sumando puntos que o acheguen aínda máis ao primeiro posto da táboa clasificatoria.

E xa por último quenda para o Calvo Xiria que ás 12:30 no Pavillón do Gatañal en Cangas medirá as súas forzas co Luceros, filial do equipo de Asobal Frigoríficos do Morrazo. Complicada saída para os carballeses ante un equipo que está a colleitar moi bos resultados neste inicio de liga e que na casa e co reforzo dos xogadores que baixan do primeiro equipo estase a mostrar intratable. Importantes puntos para os verdibrancos se queren manterse ao axexo da cabeza da liga. Para elo é importantísimo manter a actitude en defensa e retomar a senda da pasada tempada na finalización, pois están a dar este ano os carballeses moitas facilidades aos seus rivais xa que non tiran proveito do bo facer do xogo de equipo cando hai que materializar as ocasións. Con Naya aínda na enfermaría a convocatoria non debería de ser moi distinta a da pasada xornada con: Martín Gómez, Ramón Suárez-Pumariega, Alejandro Calvete, Carlos A. Lema, Sergio Facal, Brais Puñal, Javier Rodríguez, Rubén Anes, Pablo Iglesias, Manuel Méndez, Iván Campos, Jorge Bouzas, Gonzalo Pombo e Martín Alfeirán.