Non estará só o Calvo Xiria na Cañiza

Visita hoxe ás 18.30 h o Calvo Xiria, líder invicto da 1ª División Estatal, a pista do Bm Cañiza na 11ª xornada de liga. Temos que salientar que ademais dos xa habituais xirareiros, que soen acompañar ao equipo nos desprazamentos, asisitirán ao partido un nutrido grupo de seguidoras moi especiais pertencentes á Asociación «Esclavas de la Virgen Dolorosa» do Centro Residencial «Casa Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey» ubicado en Crecente e que ofrece servicios integrais destinados a persoas con discapacidade intelectual. Estas aficionadas fixeronse fieis seguidoras do Calvo Xiria na pasada fase final da Copa Galicia que se disputou en Crecente no mes de setembro.

Debemos agradecer a Carlos Claro, concelleiro do PSOE no Concello de Crecente e ex-xogador de balonmán, as xestións realizadas para que poidan acudir ao partido así como ao Club Balonmán Cañiza a súa boa predisposición para facilitarlles o acceso ao recinto e coparticipar nunha pequena homenaxe que lle renderán ambos clubs.

O Goldie Xiria, desprázase hoxe sábado a Porriño para xogar na cancha do líder, un choque desigual a teor dos postos que ocupa cada equipo na clasificación, pero as carballesas, única e exclusivamente centradas na súa progresión, acudirán ao municipal porriñés sen complexos e co desexo de realizar un bo encontro. O partido dará comezo ás 20:00h.

Os equipos da DH xogan esta fin de semana o seu partido como local en Coristanco, no Pavillón Municipal. Será, coma habitualmente, o domingo desta volta ante o Luceros de Cangas. Ás 10:00 será o Garaysa Xiria o que inicie a xornada ante un rival moi físico que marcha cuarto clasificado e que esixirá aos de Carballo máxima concentración na parcela defensiva e impor un ritmo alto no xogo se quere facerse cos puntos.

De seguido, sobre as 11:15, O Grupo Lemaco tentará seguir coa melloría amosada a semana pasa en Vigo, e acadar un encontro completo sen baixóns de intensidade que lle permita aspirar a vencer ao seu rival. Será fundamental a concentración defensiva para resolver as propostas do rival, recuperar balón e poder correr o contraataque. En canto ao equipo, recupérase para o domingo o porteiro Diego Lema, ausente no derradeiro compromiso por lesión.

Pechará o día ás 12:45 o Laber Xiria, que afronta un importante encontro ante un conxunto que tras a primeira derrota dos bergantiñáns a pasada semana en Coia, atópase a tan son dous puntos. O partido será de alta tensión e ao mesmo tempo atractivo para o espectador. Os de Xiria tentarán sacar o seu mellor balonmán e completar un bo partido a nivel defensivo para manterse invicto en casa e seguir o ronsel do líder no máis alto da táboa. Todos os xogadores estarán dispoñibles para este partido.

Tamén o domingo, os equipos de infantís de categoría territorial, viaxan até Culleredo para enfrontarse ao conxunto local no pavillón de Almeiras. Ás 10:00 saltará á pista o Marmolería José Rey Xiria; que se enfronta ao líder da categoría e candidato ao ascenso; con xogadores na súa totalidade de segundo ano; polo que o Marmolería José Rey deberá aproveitar esta experiencia para auto esixirse dar o 100% en cada acción e así dar un paso máis na súa formación de cara aos próximos compromisos.

Ás 11:15 as xogadoras do Punta del Este Xiria queren seguir o ronsel do grupo cabeceiro; polo que deberá acadar a mesma intensidade e profundidade da liña defensiva marcada na segunda parte contra o Bm Lucus, o cal será fundamental se quere facerse coa vitoria.